Campaña formativa para a implementación dunha rede de infraestrutura verde a escala municipal na provincia da Coruña

17 Nov 2021

A Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega organiza, co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Instituto de Estudos do Territorio e da Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, esta campaña formativa.

Nas últimas décadas, os problemas ambientais foron tomando maior importancia, en particular aqueles derivados da contaminación, dunha inadecuada xestión do territorio e do gran crecemento demográfico. Iso implica a necesidade de accións directas e cambios no paradigma da ocupación e xestión do solo, así como nos sistemas produtivos, de transformación e de deseño urbano. Esta preocupación foi recollida pola UE na Estratexia Europea en materia de infraestrutura verde, e a continuación na Estrategia Nacional de Infraestructura Verde y de la Conectividad y Restauración Ecológicas (2021), creando un marco robusto e propicio para fomentar e facilitar proxectos de infraestrutura verde a distintas escalas que chegan aos ámbitos autonómico e municipal, onde os concellos deberán desenvolver as súas estratexias de infraestrutura verde.

A campaña formativa está enfocada a responsables municipais, tanto técnicos como políticos, co obxecto de divulgar a estratexia de infraestrutura verde e profundar no concepto e na súa implementación a nivel local, ofrecendo as ferramentas necesarias para poder traballar na identificación, delimitación e xestión oportuna da infraestrutura verde a escala municipal.

Os cursos terán 12 horas de duración repartidas en dúas xornadas, e impartiranse en cinco localizacións da provincia da Coruña durante os meses de novembro e decembro de 2021:

22 e 23 de novembro de 2021 – Sede da Fundación Juana de Vega (Betanzos – A Coruña – Bergantiños)
29 e 30 de novembro de 2021 – Antigo Hospicio de Ferrol (Eume – Ferrol – Ortegal)
1 e 2 de decembro de 2021 – Cidade da Cultura (Ordes – Arzúa – Terra de Melide – Santiago)
13 e 14 de decembro de 2021 – Casino de Noia (Muros e Noia – O Sar – Barbanza)
15 e 16 de decembro de 2021 – Parador de Muxía (Terra de Soneira – Fisterra – Xallas – A Barcala)
INSCRICIÓN GRATUÍTA
O aforo é limitado e as prazas asignaranse por orde de inscrición.

Máis información e matrícula

Dossier do Seminario

Compartir