O vindeiro xoves día 6 de novembro ás 19.00 horas, no Centro Torrente Ballester, a Delegación de Ferrol do COAG organiza a inauguración da exposición “Los carteles de Felipe Peña. Actividades culturales a través de su propaganda”.
Coincidindo coas celebracións do 50 aniversario da Escola de Arquitectura da Coruña (ETSAC), que é a de Galicia, publicouse un libro sobre os carteis que anunciaban as actividades culturais desde a inauguración do seu edificio propio no curso 1980/1981. Ese libro, editado por Luis Walter Muñoz Fontenla, leva por título Actividades culturales a través de su propaganda. Los carteles de Felipe Peña.
Unha selección dese material, formada por setenta carteis en formato orixinal, expoñeranse no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol do 31 de outubro ao 30 de novembro de 2025, por iniciativa da delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia en Ferrol. Unha montaxe expositiva para achegar este traballo, no que se mostra unha parte importante da historia da Escola de Arquitectura de Galicia, á cidadanía. Unha exposición creada coa vocación de itinerancia polas principais cidades galegas.
A actividade cultural no arranque da Escola de Arquitectura era moi intensa. Sacábase tempo dun calendario repleto de docencia acotío. Xeralmente as actividades complementarias ás clases celebrábanse os venres. A asistencia a estes eventos, que era masiva, supoñía unha excelente formación en paralelo. Os profesores invitados eran auténticas figuras da arquitectura e do mundo da cultura en xeral.
Felipe Peña Pereda foi o responsable da Comisión de Cultura da ETSAC durante os primeiros anos. E desde ese cargo encargouse do deseño dos carteis das actividades culturais que se organizaban cada curso. Deseños de urxencia elaborados con inmediatez, rápidos exercicios de composición. Deseños/colaxes nos que se mesturaban a letra debuxada, a letra mecanografada, os debuxos e as fotografías. Deseño funcional. Máis propagandístico que publicitario. Un deseño gráfico intimamente relacionado co seu proceso de materialización e reprodución. Os carteis de Felipe son composicións clásicas e vangardistas á vez.
A actitude coa que Felipe Peña debuxou e deseñou os carteis das actividades dunha escola de arquitectura nacente era, ademais dun exercicio de deseño ao que se sometía o profesor, outra forma de ensino. Unha forma de transmitir responsabilidade plástica do que se fai. Algo que deu os seus froitos.
Con ese espírito deseñouse e construído a exposición Los carteles de Felipe Peña, e elaborouse todo o material que forma parte dela.
Comisario: Luis Walter Muñoz Fontenla
Deseño, construción e montaxe: Luis Muñoz e Benito Freire
Promotores: Unidad de investigación pARQc / Editorial Labirinto de Paixóns / COAG Ferrol
Colaboran: Centro Cultural Torrente Ballester (Concello de Ferrol) / LANA S. Coop.
