Curso_”Instalacións de ventilación e calidade do aire interior nos edificios”

17 Nov 2026

Este é o segundo dos cursos programados polo COAG relacionados coas instalacións nos edificios que teñen particular relación cos seus requisitos de habitabilidade e salubridade. Unha vez finalizado o primeiro deles, “Instalacións térmicas nos edificios”, ábrese agora a matrícula para o segundo deles no que se tratarán as instalacións de ventilación.

O curso “Instalacións de Ventilación e Calidade do Aire Interior nos Edificios” preséntase como unha formación aplicada para arquitectos, orientada a comprender, deseñar, dimensionar e avaliar os sistemas de ventilación, garantindo unhas condicións axeitadas de calidade do aire interior e a súa integración no proxecto arquitectónico.

A formación establece as bases físicas, técnicas e normativas necesarias para abordar o deseño e cálculo das instalacións de ventilación en edificios residenciais, aparcadoiros e edificios terciarios. Analizaranse os principais contaminantes do aire interior, as esixencias regulamentarias, as solucións de ventilación, o seu impacto enerxético e a súa integración cos sistemas de climatización. Prestarase especial atención ao transporte e difusión do aire, á eficiencia da ventilación e á eliminación de contaminantes. Traballarase con exemplos resoltos en directo e exercicios prácticos que deberá desenvolver o alumno.

O obxectivo final é que o arquitecto sexa capaz de seleccionar e dimensionar solucións de ventilación, interpretar e revisar proxectos de instalacións, detectar deficiencias e coordinar a súa integración arquitectónica, conciliando calidade do aire interior, salubridade, confort, eficiencia enerxética e viabilidade técnica e construtiva.

Prezos de matrícula

  • Matrícula ordinaria: 120 euros
  • Arquitectos colexiados: 80 euros
  • Arquitectos colexiados subscritos ao servizo de formación: 55 euros

Metodoloxía

  • Flexibilidade para o alumno.
  • Enfoque práctico.
  • Certificado de aproveitamento.
  • O curso desenvólvese en modalidade integramente en liña, utilizando como soporte a plataforma de formación en liña do COAG ( moodle.coag.es ). Esta plataforma será o medio a través do que se canalizará toda a operativa do curso, e nela habilitaranse todas as actividades e recursos que se utilizarán.

Aforo e prazos de matrícula:

O número de prazas é limitado.

  • Prazo preferente de matrícula (exclusivo para colexiados do COAG subscritos ao servizo de formación): ata o martes 24/11/2026 ás 23:59 h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.
  • Todas as modalidades: desde as 23:59 h do martes 24/11/2026 ata o luns 30/11/2026 ás 23:59 h, ou ata esgotarse as prazas dispoñibles.

Programa completo e matrícula:
No programa completo, que pode consultarse a continuación, descríbese a metodoloxía e explícanse as actividades que integran o curso, a súa temporización e as modalidades de seguimento.

[+ matriculación e programa completo do curso]

Coa colaboración de

Compartir