EXPOSICIÓN HERITAGERS Unha reflexión sobre o patrimonio arquitectónico e o turismo

7 Dec 2023

O venres 15 de decembro, ás 19 horas, inaugúrase a exposición Heritagers que terá lugar na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Unha mostra ideada e comisariada polo arquitecto Fernando Agrasar (col. COAG nº1394), cun equipo integrado por Laura del Monte, Beatriz Ascanio, Aldara García e Cecilia Martínez –estudantes do Máster Universitario de Arquitectura–, a partir do proxecto realizado nos IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñán, do verán de 2023.

HERITAGERS propón unha reflexión sobre o patrimonio arquitectónico e o turismo, sobre a progresiva banalización do patrimonio construído e a súa transformación en ben de consumo.

A industria turística supón un importante impacto económico no noso país (61% do crecemento da economía española en 2023, cunha aportación ao PIB do 12,2%, próximo aos 160.000 millóns de euros, segundo Exceltur). A mesma fonte sinala que estes porcentaxes son só lixeiramente menores en Galicia, amosando un rápido crecemento, e supoñendo un 10,4% do PIB galego e un 11% do emprego. Este poderoso motor económico está impulsado por unha serie de atractivos entre os que se atopa o noso patrimonio construído. Heritagers propón unha reflexión sobre a súa consideración como ben de consumo, cun forte impacto nos procesos de conservación, recuperación e xestión.

A mostra está integrada por unha selección de 10 imaxes tomadas no Pazo de Mariñán e na sede da Real Academia Galega de Belas Artes. As composicións foron realizadas no verán de 2023 durante os IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñan, organizados pola Real Academia Galega de Belas Artes e acollidos pola Deputación da Coruña. As imaxes da mostra, parcialmente alteradas dixitalmente, exhíbense en gran formato e acompañadas por unha serie de citas alusivas. Heritagers convida aos visitantes da mostra a compartir unha reflexión, irónica e transgresora, sobre o fenómeno contemporáneo do consumo turístico do patrimonio construído.

DATA DA INAUGURACIÓN:

Venres 15 de decembro 2023 – 19:00 horas.

HORARIO:

A exposición poderá visitarse en horario de apertura do COAG até o 25 de xaneiro.

LUGAR:

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

FINANCIA:

Concellería de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda do Concello da Coruña

PROXECTO ORIXINAL ENMARCADO EN:

IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñán

PROXECTO ORIXINAL APOIADO POR:

Real Academia Galega de Belas Artes, RAGBA

Deputación de A Coruña

COLABORAN:

Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir