PAUTA: nova ferramenta para o fomento dos procesos de contratación pública

2 Xul 2025

Na pasada Xunta Xeral deuse conta do traballo da Xunta de Goberno do COAG para por en marcha un sistema que, de forma áxil, permita ás distintas administracións realizar concursos de proxectos (e licitacións) cun axeitado prezo de referencia para as obras que pretenden acometer, así como para os servizos de arquitectura necesarios para a redacción dos proxectos. Despois de varios meses de traballo, temos a satisfacción de poder presentar a Aplicación PAUTA, que permite realizar este cálculo de xeito intuitivo tomando como referencia bases publicadas por organismos alleos e de carácter aberto.

Por unha banda, para o calculo do prezo de construción tómase a referencia do Prezo de Calidade Media da base de datos de ASEMAS, elaborada a partir dos datos dos que dispón a aseguradora clasificados por tipoloxías edificatorias. Para o calculo dos prezo dos servizos de redacción de proxectos de arquitectura e dirección de obra, pártese da base da publicación de SEGIPSA no BOE do 27 de maio de 2015. Como empresa pública estes prezos só poden entenderse como referencia xa que a actividade privada pode ter outras variables asociadas. A aplicación enfocase en priorizar o concurso de proxectos como sistema prioritario de contratación pública (a Lei Catalá obriga a este sistema por riba dos 60.000€ de honorarios). Con ese fin, e para evitar a precarización e o abuso do traballo de arquitectos e arquitectas, plantéxase un sistema a dobre volta, na que a segunda será sempre remunerada e a selección se produza sempre cun xurado cualificado.

Entendemos que se trata dun paso fundamental, e mínimo, para poder cumprir cos obxectivos da Lei de Arquitectura de 2022, que declara a arquitectura como ben de interese xeral o que obriga ás administracións a desenvolver as mellores edificacións e contribuír a garantir a calidade da arquitectura a medio prazo.

En breve, o enlace da aplicación (https://pauta.coag.es/) será remitida a todas as administracións coa confianza de que sirva para unha axeitada definición do prezo dos servizos de arquitectura, para un cálculo coherente dos prezos de construción e, sobre todo, para a realización de concursos que melloren a calidade presente e futura da arquitectura do noso país.

Calquera suxestión de mellora ou comentario pódese enviar a pauta@coag.es

Compartir