Fallo 1ª fase – Concurso para a construción do novo “Parque Deportivo Inclusivo Porto do Molle” no concello de Nigrán (Pontevedra)

3 Feb 2026

Publicada na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, con data 2 de febreiro, a Finalización da Fase 1 e inicio da Fase 2 do concurso de proxectos.

Expediente: 3564/2025
Obxecto: Concurso de Proxectos en dúas fases “Parque Deportivo inclusivo Porto do Molle” con adxudicación do contrato de servizos ulterior.

ACORDOS DO XURADO

Primeiro.- Dar por finalizada a Fase 1 (Fase de Ideas) do Concurso de proxectos do Parque Deportivo Inclusivo de Porto do Molle e abrir formalmente a Fase 2 do concurso.

Segundo.- Seleccionar para pasar á segunda fase do concurso as seguintes cinco propostas, identificadas polos seus lemas, de conformidade co acordo do Xurado:

  • ACU3DUTO
  • BATEA DO BOSQUE
  • NLTH3
  • NA1846
  • XEITO8

Terceiro.- Acordar a invitación aos autores das propostas seleccionadas para participar na Fase 2 do concurso, na que deberán presentar o desenvolvemento da súa proposta a nivel de anteproxecto, de conformidade co establecido nas bases reguladoras.

Cuarto.- Acordar que a remisión das invitacións se realice ao enderezo de correo electrónico asociado a cada lema, co fin de garantir en todo momento o anonimato dos participantes.

Quinto.- Establecer que as propostas da Fase 2 deberán: Ter en conta as suxestións formuladas polo Xurado, recollidas no apartado Cuarto da Acta do Xurado da sesión celebrada o 29 de xaneiro de 2026. Ser presentadas de forma anónima, nos termos previstos na Cláusula 08 das Bases Administrativas, e baixo o mesmo lema empregado na Fase 1. Presentarse no lugar e forma establecidos na Cláusula 09 das Bases Administrativas do concurso.

Sexto.- Fixar un prazo de DOUS (2) MESES, contados desde o día seguinte ao envío da invitación, para a presentación das propostas correspondentes á segunda fase do concurso.

APARTADO 4º DA ACTA DO XURADO

Cuarto. Formular, as seguintes suxestións para seren tidas en conta no desenvolvemento da segunda fase do concurso:

“O xurado considera importante incidir en determinados aspectos que deberán ser tratados con especial atención, e que serán valorados positivamente na segunda fase do concurso, completando, sen desvirtuar, a idea da primeira fase.

Nomeadamente, o anteproxecto:

-Deberá ser especialmente claro no seu encaixe dentro do orzamento achegado.

-Deberá ser especialmente claro na xustificación dos condicionantes urbanísticos, con principal atención a recuados, altura máxima incluídos soportes da cuberta e as prazas de aparcamento no interior da parcela.

-Deberá ser especialmente sensible coa accesibilidade, con principal atención aos itinerarios, no interior e exterior do parque, así como vestiarios e toda clase de pistas deportivas.

-Deberá recoller as medidas propostas en canto a sostibilidade e medio ambiente, como ciclo da auga, aforro enerxético, pegada de carbono, movementos de terra, vexetación, etc.

-Deberá especificar a compatibilidade de uso, sinalando a separación de uso aberto e uso restrinxido. Así mesmo, valorarase a previsión de medidas para evitar o vandalizado da instalación no horario nocturno.

-Deberá sinalar, aínda que a nivel de anteproxecto, a evacuación de ocupantes, e o acceso de vehículos de emerxencia, e carga/descarga.

-Aínda que a nivel de anteproxecto, deberá quedar claro o sistema estrutural e construtivo, principalmente soportes e pechamentos, dada a súa especial relevancia en canto a visibilidade dos atletas.

-En canto as pistas deportivas, priorizaranse aquelas de mellor relación entre ocupación e deportistas simultáneos. Valorarase a mellor orientación solar das pistas descubertas.

-Valorarase positivamente a mellor integración e comunicación do parque co paseo fluvial do río Muíños, así como o tratamento do noiro existente ao norte da parcela.

-Valorarase positivamente o estudio, a nivel de anteproxecto, da evacuación de pluviais, escorrentías na parcela e augas subterráneas, atendendo ao nivel freático e a cota do río.

-Respecto aos espazos auxiliares, priorizarase a superficie para vestiarios, incluíndo vestiarios de árbitros, accesos, salas polivalentes, fronte a hostaleira ou oficinas. En todo caso, deberá dotarse o complexo de cantina e administración. Valorarase positivamente a existencia de almacén vinculado e de fácil acceso á pista de atletismo, para a garda de material deportivo. Igualmente, deberá existir comunicación entre a pista de atletismo e o interior do anel. O anel deberá contar con a lo menos 6 “rúas”.

-Valorarase positivamente a facilidade para instalar un futuro pechamento do polideportivo, no caso de seren aberto. En todo caso, o anteproxecto deberá xustificar a total protección contra a choiva da pista principal e graderío dende a fase inicial, así como a comunicación a cuberto entre vestiarios e pista principal, tendo en conta a adversa climatoloxía galega.”

Enlace á Plataforma de Contratación de Galicia.

Compartir