Convocado o Concurso Internacional para a Iluminación Artística da contorna da Catedral de Santiago de Compostela

25 xuñ 2025

O Concello de Santiago de Compostela acaba de convocar un Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística para a contorna monumental da Catedral. O concurso enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística de Santiago promovido polo Concello, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo. O obxectivo é crear unha iluminación emocional, calmada, saudable e integrada, que reforce a experiencia nocturna sen alterar a excepcional identidade do espazo.

O xurado internacional, conformado por David Chipperfield, Teresa Táboas, Roger Narboni, Manuel A. Castiñeiras e Esther Torelló, seleccionará a mellor proposta de iluminación para a contorna inmediata da Catedral, un ámbito, como corazón da cidade e fin do Camiño de Santiago, cun Valor Universal Excepcional e integrada na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. A convocatoria céntrase especificamente nas catro emblemáticas prazas: Obradoiro, Praterías, Inmaculada e Quintana e os seus elementos conectores.

O concurso está aberto á participación de profesionais nacionais e internacionais, persoas físicas, xurídicas ou equipo, cun enfoque interdisciplinar que integra perfís de arquitectura patrimonial, urbanismo, deseño lumínico e humanidades. Máis información, bases e documentación técnica dispoñibles en https://compostelanocturna.santiagodecompostela.gal/

Compartir