Auto de 26 de outubro de 2023 (notificado o 2 de novembro) do Xulgado do Contencioso Administrativo nº 2 de Ourense declarando finalizado -por satisfacción extraprocesal da pretensión ao ter anulado o concello dita convocatoria acollendo as alegacións do COAG- o recurso contencioso administrativo (Procedemento Ordinario 52/2023) interposto polo COAG en impugnación das bases da convocatoria do proceso selectivo de estabilización de emprego temporal da praza de Arquitecto Municipal do Concello de Rubiá de Valdeorras

21 Nov 2023

En febreiro de 2023, o COAG presentara recurso contencioso administrativo en impugnación das bases da convocatoria do proceso selectivo de estabilización de emprego temporal da praza de Arquitecto Municipal do concello. O principal motivo do recurso centrouse na titulación esixida para participar no proceso, xa que tratándose dun proceso de estabilización para unha praza de Arquitecto as bases establecían que os participantes debían ter a titulación de Arquitecto ou Arquitecto Técnico, xa que Arquitecto e Arquitecto Técnico son dúas profesións regulas distintas.

Durante a tramitación do procedemento xudicial o concello (mediante Resolución da Alcaldía do 04/10/2023, publicada no BOP de Ourense nº 253, de 3 de novembro) anulou dito proceso de estabilización da praza de Arquitecto, acollendo as alegacións do COAG, e comunicouno ao xulgado. Cando ocorre algo así, é dicir, cando se produce a satisfacción extraprocesal da pretensión do recorrente (que implica a desaparición sobrevida do obxecto do recurso), segundo indica o artigo 76 da Lei da Xurisdición Contencioso Administrativa, o xuíz ditará auto no que declarará terminado o procedemento e ordenará o arquivo do recurso. É por iso que se dita este auto de 26 de outubro de 2023, declarando finalizado o procedemento xudicial.

Enlace á anterior noticia da interposición do recurso por parte do COAG

https://portal.coag.es/coagactua/o-coag-presenta-recurso-contencioso-administrativo-en-relacion-ao-proceso-de-estabilizacion-de-emprego-publico-do-concello-de-rubia-praza-arquitecto/

Compartir