A participación do COAG na feira SELIC (Semana do Libro de Compostela) é unha demostración da importancia que tivo nos últimos 50 anos de vida do COAG o mundo editorial. Durante ese longo período o Colexio de Arquitectos de Galicia participou de maneira continua na promoción da cultura non só arquitectónica, senón histórica, etnográfica e artística, nas súas mais diferentes facetas, a través da edición de innumerables publicacións de diferentes formatos.
Neste SELIC 2025 o público poderá observar unha selección histórica do conxunto das citadas publicacións desde 1974 ata hoxe mesmo abarcando didáctica, arte, investigación e comunicación en e ao redor da arquitectura, xunto ao novo nº 35 da recuperada Revista Obradoiro, publicación para a promoción da arquitectura e o urbanismo en Galicia. O COAG ten o compromiso a través da presenza na SELIC e noutras feiras editoriais de estar preto e á beira a cidadanía e o espazo público compartindo o seu coñecemento mediante as súas publicacións históricas e actuais.
Do 3 ao 12 de outubro na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela.
Máis información: https://selic.gal/
