Resultado dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2022

13 Dec 2022

Conforme á convocatoria realizada na circular 18/2022, un total de 63 propostas foron presentadas á edición 2022 dos Premios Gran de Area. O xurado da presente edición emitiu o seu fallo polo cal destaca 16 das candidaturas presentadas.

Os premios “Gran de Area de aportación a Arquitectura” son unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia nas provincias de Pontevedra e Ourense, para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios, nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra.

En Vigo, a luns 21 de novembro na Delegación en Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ás 10:29h comeza a reunión do xurado do Premios Gran de Area 2022 integrado polas seguintes persoas:

• D. Manuel Martinez Carazo, en calidade de Presidente da Delegación en Vigo do COAG, e con dereito a voto.
• D. Rafael Castro Armesto, en calidade de Presidente da Delegación en Ourense do COAG, e con dereito a voto.
• D. Anselmo Villanueva Peón, en calidade de Presidente da Delegación en Pontevedra do COAG, e con dereito a voto.
• D. Fernando Sampil Sánchez, colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios “Gran de Area” das edicións anteriores, consensuado polas tres Delegacións.
• Dª María Fandiño Iglesias, colexiada da Delegación en Vigo seleccionada polo xunta directiva de Vigo, e con dereito a voto.
• D. Pablo López Prol, colexiado da Delegación en Ourense seleccionado pola xunta directiva de Ourense, e con dereito a voto.
• Dª Zaraida Martínez Sanmartín, colexiada da Delegación de Pontevedra seleccionada pola Xunta Directiva de Pontevedra, e con dereito a voto.
• María Luisa Pierres López, en calidade de Secretaria da Delegación en Pontevedra do COAG, actúa como Secretaria do Xurado, con voz pero sen voto.

Procédese durante case 5 horas á revisión pormenorizada de todas as obras presentadas, que responden a un total de 63, englobadas en máis de 10 tipoloxías diferentes. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que incluso resolven espazos urbanos a escala de cidade.

Unha variedade de propostas, todas elas de alta calidade, que dificulta seriamente a labor do xurado e que finalmente atopa nas obras premiadas esas pequenas ou grandes aportacións á arquitectura do Sur de Galicia que entenden deben ser recoñecidas pola súa exemplaridade do bo facer arquitectónico, pero sen esquecer que son o resultado da colaboración exitosa de todos os axentes de obra, promotores, construtores e profesionais da arquitectura.

A relación e motivación da elección de cada obra é a seguinte:

1 REFORMA DE PISO
RUA FERMIN PENZOL 16, 03-01 36202 VIGO
RAMON VIEITEZ RODRIGUEZ (3096) | ALBERTO CEBRAL LOUREDA (4202) | BRAIS BARREIRO CARREIRA (4864)

Polo notable cariño posto na recuperación das pezas orixinais de carpintería e ferraxes, coa habilidade de xerar unha imaxe global limpa que salienta o valor da vivenda, así como pola acertada conxunción das novas pezas de mobiliario cos distintos espazos, cunha estudiada elección de materiais e correcta execución dos detalles.


2. VIVIENDA UNIFAMILIAR
POLÍGONO 66 PARCELA 476 SOUTOVERDE CELANOVA
MANUEL JORRETO DIAZ (2226)

Pola acertada execución dunha envolvente que conxuga o deseño dos detalles estratéxicos dunha vivenda pasiva de consumo enerxético case nulo cunha distribución interior polivalente e limpa, mostrando especial coidado pola integración no territorio e o respecto polos espazos exteriores.


3. VIVIENDA ENTRE MEDIANERAS: CASA PALOMAR
CARRERA SEÑORIN 4332500 CARBALLIÑO (O)
GORETTI DÍAZ CRISTOBAL (4984)

Polo xeito de resolver un programa que demanda un modo de vida totalmente alleo á parcela e á contorna construída na que se atopa, humanizando unha normativa urbanística ríxida, e xerando uns espazos amables e flexibles que apostan ademais por unha construción sostible.


4. REHABILITACION E AMPLIACION DE EDIFICIO PARA DUAS VIVENDAS DUPLEX E GARAXE
SUBIDA CASTELO 1136202 VIGO
JAVIER COUTO GRANJA (3492)

Por tratarse dun perfecto exercicio de incorporación da contemporaneidade arquitectónica nunha rehabilitación situada nun ámbito de especial protección.


5. TRANSFORMACIÓN DO PATIO DO COLEXIO DA TORRE-CELA. SUSTITUCIÓN DA CUBERTA
LUGAR DE A TORRE 75, 36938 BUEU (PONTEVEDRA)
FERMÍN GONZÁLEZ BLANCO

Pola aposta firme pola arquitectura e a paisaxe dende a base, sinalándoas como unha parte fundamental da sociedade, e xerando un valioso proxecto educativo que involucra ó equipo educativo, ás crianzas, familias e entidades públicas. Pola intervención tan necesaria nos espazos escolares, humanizando e iluminando o patio e, cunha mellora notable da vida, do xogo e a educación da cativada.


6. 2 NAVES ADOSADAS DESTINADAS A CENTRO LOGISTICO, OFICINAS, ALMACENAJE Y DISTRIBUCIÓN DE AGUA MINERAL NATURAL ENVASADA
LUGAR REIGOSA-TOURON36828 PONTE-CALDELAS
LUCIANO GONZÁLEZ DOMÍNGUEZ (4338) | MIGUEL ESTÉVEZ GÓMEZ (4339)

Polo feito de acadar un sistema xeral a partir de diferentes premisas programáticas, a priori antagónicas, cunha execución sensata, eficiente e carente de alardes innecesarios, cun resultado final que reflicte unha revisión más contemporánea da tipoloxía industrial, amosando que a arquitectura ten cabida, de forma positiva, neste tipo de infraestruturas.


7. REURBANIZACIÓN PLAZA BUGALLAL
PONTEAREAS PONTEVEDRA
ABALO ALONSO ARQUITECTOS | ELIZABETH ABALO, GONZALO ALONSO

Polo xeito orgánico no cal se xera unha praza que responde a unhas necesidades programáticas complexas e polo modo no que se establecen lazos entre a contemporaneidade e a tradición sen a perda de identidade do lugar.


8. SALÓN DE BELLEZA CONSCIENTE
RÚA AUGUSTO BESADA 20 TUI
ÁNGEL MANUEL MATILLA BESADA | LEANDRO NOGUEIRA PÉREZ

Por crear un espazo interior elegante e coherente en estilo coa fachada art decó ben recuperada, cunha solución evocadora dun tempo , de fermosa naturalidade e calidez, e sen abandonar a contemporaneidade que exixe a funcionalidade mesma do uso ó que vai destinada.


9. CASA 1918 – PROXECTO DE RECONSTRUCCIÓN DE VIVENDA UNIFAMILIAR AFECTADA POLA EXPLOSIÓN DE PARAMOS
POLÍGONO 31 PARCELA 293 TORRE TUI
JORGE ENRÍQUEZ MÉNDEZ | ADRIÁN PINAQUE ALVITE

Por tratarse dun proxecto de reconstrución de vivenda exemplar que nun ámbito catastrófico e repentinamente carente de referencias de identidade próxima e nunha parcela de morfoloxía complexa resolve con destacada habilidade todo o seu programa funcional a través dunha estratexia de descomposición volumétrica e creando á súa vez un lugar de referencia ligado á tradición.


10. HUMANIZACIÓN DA PRAZA DA FEIRA, RUA ULLA E A SUA CONTORNA NO CONCELLO DA ESTRADA
A ESTRADA
JOSÉ VALLADARES DURÁN | ALBERTO REDONDO PORTO | MARCIAL RODRIGUEZ RODRÍGUEZ | RVR ARQUITECTOS

Pola súa aportación en termos de sostibilidade, valorándose especialmente o xeito de proxectar con materiais semipermeables, pavimentos máis amables e sistemas de drenaxe sostible que reducen a illa de calor e melloran a calidade ambiental dos espazos públicos.


11. HORTA E INVERNADOIRO EN CULLER DE PAU
POLÍGONO 24 PARCELA 231 PENEIRADA GROVE (O)
FAUSTINO PATIÑO CAMBEIRO | JUAN IGNACIO PRIETO LOPEZ | PRIETO PATIÑO ARQUITECTURA, S.L.P.

Pola integridade da actuación en termos de produtividade, deseño e adecuación ao entorno. Valórase o xeito multiescalar no cal, invernadoiro, parterres, percorridos e sistemas de xestión da auga se adecúan ao programa solicitado sen distorsionar a paisaxe.


12. CENTRO CULTURAL E TURÍSTICO ANTONIO FRAGUAS
A CHAN 5, CARBALLEDO. CERDEDO – COTOBADE (PONTEVEDRA)
MARÍA GARCÍA COUTO

Por construír un edificio público singular, ben composto e ben relacionado co seu espazo
exterior, sen borrar a memoria do edificio pre existente.


13. CIUDAD DE LA JUSTICIA DE VIGO
PADRE FEIJÓO VIGO
ALFONSO PENELA FERNANDEZ (680)

Por tratarse dun proxecto sobrio e digno, que xera arquitectura desde a subtracción, eliminando aqueles elementos que estaban de máis para xerar un gran espazo público que contribúe a coser e unir cidade desmontando a imaxe previa dese lugar como límite ou fronteira. Unha operación de limpeza que permite ademais recuperar a visión da torre.


14. REFORMA DE LOCAL PARA UN NUEVO RESTAURANTE: ALBANTA
LUGAR BALTEIRO Nº47, 36140, FIGUEIRIDO VILABOA (PONTEVEDRA)
SANTIAGO PINTOS PENA | JAIME RODRÍGUEZ ABILLEIRA

Por xerar unha linguaxe a través dos materiais, que transmite de xeito claro as sensacións e experiencias que se pretenden nese espazo construído, sen que o limitado do orzamento supoña un impedimento.


15. REFORMA E AMPLIACION DE VIVENDA UNIFAMILIAR ILLADA CON GARAXE, PÉRGOLA E PISCINA.
LUGAR BARGA-DONAS 036388 GONDOMAR
ANTONIO SOLIÑO TRONCOSO (3580)

Por tratarse dun exemplo perfecto de intervención de rehabilitación e ampliación de vivenda nun ámbito rural, no que se conquire a perfecta harmonía e transición volumétrica entre a construción preexistente tradicional e os novos volumes, de acento intencionadamente contemporáneo.


16. REHABILITACIÓN DE EDIFICIO PARA O CENTRO GALEGO DE INNOVACIÓN DA FORMACIÓN PROFESIONAL
RÚA RAMÓN ABELLAS Nº4 OURENSE
ESTEFANÍA VÁZQUEZ MÜLLER COL. 3587 | ROI FEIJOO REY COL.3637 | SANTIAGO GARCÍA CAMACHO COL.3718

Pola forma de resolver a sempre complexa readaptación dun edificio obsoleto, a través dunha serie de estratexias proxectuais enfocadas cara a funcionalidade xeral do inmoble, e onde constatase como a necesaria mellora da eficiencia enerxética e optimización das instalacións comúns non influíron negativamente na correcta configuración dos espazos, nin na compoñente estética, características ocasionalmente esquecidas ou infravaloradas neste tipo de tipoloxía edificatoria.


Remata a sesión ás 15:14h do 21 de novembro de 2022, o cal certifico.

Asdo: María Luisa Pierres López
En calidade de Secretaria do Xurado dos Premios Gran de Area 2022

Pódense consultar as obras presentadas e premiadas no seguinte ENLACE.

Compartir