Proposición do arquitecto Pedro de Llano aos Premios da Cultura Galega 2022 na modalidade de Patrimonio Cultural

22 Set 2022

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC) da Universidade da Coruña (UDC) presentan a candidatura do arquitecto Pedro de Llano Cabado aos Premios da Cultura Galega 2022 na modalidade de Patrimonio Cultural. Esta candidatura forma parte das accións conxuntas postas en marcha por ambas entidades.

Pedro de Llano Cabado (A Coruña, 1947) é un arquitecto que dedicou toda a súa vida profesional ao estudo e conservación da arquitectura popular e ao patrimonio cultural de Galicia, así como a súa relación coa arquitectura contemporánea, fomentando a súa difusión a través das súas obras arquitectónicas, artigos, libros, exposicións e o seu labor como catedrático e docente na ETSAC, actualmente xa xubilado.

Segundo reza a proposta da candidatura, Pedro de Llano estudou arquitectura en Madrid nunha época marcada pola gran convulsión social dos últimos anos do franquismo, o que lle imprimiu unha pegada de gran compromiso e reivindicación do papel da cultura no país. Xa retornado a Galicia a finais dos anos 70, de Llano inicia a súa actividade profesional en Santiago, ocupación que comparte coas súas actividades políticas e sociais para contribuír á consolidación dos valores democráticos e a recuperación da identidade galega.

O seu achegamento á arquitectura popular de Galicia comezou cun amplo estudo de investigación realizado entre os anos 1974 e 1980, que ve a luz a través dos dous tomos que conforman o libro Arquitectura Popular de Galicia, editado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia entre 1981 e 1983 e reeditado en 2019, obra indispensable que demostra que as arquitecturas vernáculas son fonte de coñecemento e aprendizaxe para os mestres da arquitectura contemporánea e que non se deben deixar de mirar a estas modestas arquitecturas como depositarias de sabedorías milenarias. En definitiva, esta publicación supuxo unha primeira catalogación das distintas construcións anónimas en cinco grandes grupos: arquitectura doméstica, do territorio, agrícola, comunal e especializada.

“A súa preocupación por reivindicar o protagonismo cultural da arquitectura popular, levouno a percorrer Galicia de parte a parte, na procura de achegarse á nosa arquitectura popular mediante a visión dos seus creadores e poder chegar a comprender a razón de por que na nosa terra a relación entre o home e o medio aparece como algo natural e permanente” –explican as entidades propoñentes da candidatura–.

Este estudo vese completado con outros realizados ao longo dos anos: “Piornedo: Estudo básico para a rehabilitación integrada dunha aldea galega”, “Arquitecturas do mar”, “Arquitectura popular en Galicia: razón e construción”, “O muiño de mar da Seca”, “As construcións vernáculas como esencial lección de racionalidade para unha innovadora arquitectura” ou “Arquitectura popular en Galicia: a casa mariñeira, a casa das agras, a casa do viño, as construcións adxectivas”, así como a publicación “Alejandro de la Sota, o nacemento dunha arquitectura” xunto a diferentes ensaios sobre distintos temas de arquitectura.

“Poñemos de manifesto a valiosa aportación que para a cultura do noso país supón a obra de Pedro de Llano, desenvolta nos ámbitos da docencia, a investigación, a divulgación e a súa práctica profesional. Desexamos que a realidade social e cultural do noso país nos brinde a posibilidade de recoñecer a enorme aportación das obras xurdidas do espírito creador de Pedro de Llano na defensa e posta en valor do noso patrimonio cultural, agardando que a súa semente, xunto coas doutros creadores, nos fagan desexar mellores espazos nos que desenvolver as nosas vidas” –apuntan o COAG e a ETSAC–.

Entre as súas obras de rehabilitación, destacan o Pazo de Raxoi para a localización da sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela) que recibiu un Premio COAG, ou o proxecto de rehabilitación integrada da aldea de Piornedo de Ancares e o seu contorno que foi merecedor do Premio da Crítica de Galicia en 1982. Este proxecto de rehabilitación foi posto en marcha xunto aos arquitectos Plácido Lizancos e Alfonso Salgado, e nel abordábase unha completa intervención arquitectónica destinada a conseguir a posta en valor deste núcleo rural de grande interese cultural. Foron doce anos de proxectos nos que se rehabilitaron hórreos, vivendas e pallozas, “pero incomprensiblemente as obras foron paralizadas en 2021 por unha inxustificada e inxustificable decisión da administración”, aseguran o COAG e a ETSAC.

Tamén Pedro de Llano foi comisario de mostras como “Álvaro Siza, obras e proxectos”, “Le Corbusier, viaxe ao mundo dun creador a través de 20 arquitecturas” ou “Holanda 2001”, participando, ademais, en distintas experiencias ligadas ao mundo das artes plásticas como as comprendidas pola súa colaboración co artista Dan Graham na realización de distintos pavillóns.

Compartir