O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) convida a toda a cidadanía a participar na xornada “Amizade en torno a Baltar”, que se celebrará o vindeiro 8 de setembro no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela.
Esta cita inscríbese no marco da exposición “Rafael Baltar. Testemuña dun tempo”, unha mostra organizada polo COAG e a súa Delegación de Santiago, o Museo do Pobo Galego e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), coa colaboración da Xunta de Galicia. A xornada busca render homenaxe e afondar no legado de Rafael Baltar (1933-2004), figura clave na cultura, na arquitectura e nas institucións galegas do último terzo do século XX.
Programa da xornada (8 de setembro)
- 16:15 h | Recepción e presentación. Museo do Pobo Galego – COAG.
- 16:30 h | O contexto compostelán: Unha conversa de Ramón Villares e as comisarias Paula Franjo e Sandra González Álvarez.
- 17:15 h | A obra de Baltar, Bartolomé y Almuiña: Intervención de Fernando Agrasar.
- 18:00 h | A experiencia docente: Mónica Mesejo en conversa con Cristóbal Crespo e Juan Prieto.
- 18:45 h | Escolmas: Diálogo entre Ramón Baltar, Myriam Goluboff e Felipe Peña, en conversación con Pablo Gallego.
- 19:30 h | Preguntas e diálogo ao fin da xornada.
- 20:00 h | Cóctel.
Sobre a exposición “Rafael Baltar. Testemuña dun tempo”
A exposición, comisariada por Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, pódese visitar entre o 14 de xullo e o 27 de setembro no Museo do Pobo Galego. Propón un percorrido por algúns dos momentos chave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar, unha das personalidades máis singulares desta etapa, marcada pola chegada da democracia e por novos modos de entender a arquitectura e a cultura galegas.
Baltar —arquitecto, profesor, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, académico e autor— foi unha das presenzas máis constantes deste ciclo transformador. A mostra acompáñao a través da súa obra construída e escrita, mais tamén polo nacemento do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o I SIAC, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña ou o propio Museo do Pobo Galego, do que foi o primeiro socio e parte activa durante moitos anos. Deste xeito, a exposición conmemora tamén o 50 aniversario da creación da súa Xunta Xestora e da constitución do seu Padroado, ao tempo que reivindica o papel das persoas e institucións que fixeron posible aquel proxecto colectivo.
