O Colexio e o Concello de Ourense colaborarán nun concurso de ideas para as marxes do río Miño

29 xuñ 2020

O alcalde de Ourense e a decana do COAG, asinaron esta mañá un convenio para a apertura dun concurso de ideas para a posta en valor das marxes do río Miño ao seu paso pola cidade. Esta sinatura é resultado dun diálogo permanente entre o rexedor e a directiva da delegación ourensá do COAG, con Rafael Castro Armesto á cabeza.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome afirma que “este é o primeiro movemento para transformar a cidade”. Son 12,3 quilómetros que precisan dunha intervención que custaría uns 15 millóns de euros, asegura o rexedor, e o Concello irá da man do COAG para sacar adiante o concurso de ideas. O alcalde considera prioritario que este concurso servirá para “embelecer, adecentar e unificar todo o circuíto do río Miño”, un dos emblemas de Ourense.

O concurso pretende acadar un plan a futuro que unifique criterios e lle dea continuidade aos 12,3 quilómetros do percorrido fluvial -desde Oira até a pasarela de Outariz-, integrados na trama urbana da cidade e con conexións entre o paseo e as diferentes vías urbanas, mesmo dándolle uso e sentido a diversas zonas municipais actualmente sen servizos.

A decana do COAG, Elena Ampudia, asegura que “este concurso de ideas, redactado polo COAG, deberalle garantir unha accesibilidade cómoda á cidadanía”, xa que “actualmente non hai continuidade para a circulación dos peóns, no que se refire á arquitectura, pavimentos ou iluminación”. Ademais, “terase que respectar urbanisticamente a normativa e os proxectos en marcha, tales como o PXOM, pendente de aprobación, ou o bulevar termal”, di.

Compartir