O Colexio de Arquitectos de Galicia reclama á Xunta a actualización “inmediata” dos honorarios dos peritos arquitectos

13 Abr 2026

A contía das retribucións está estancada desde hai máis de quince anos para as taxacións periciais da Axencia Tributaria de Galicia e desde hai oito para os informes periciais da Administración de Xustiza.

O Colexio de Arquitectos de Galicia traslada o seu malestar en relación co importe dos honorarios establecidos a peritos arquitectos para a realización de informes periciais en probas a cargo da Administración de Xustiza e de peritos terceiros en taxacións periciais contraditorias da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

O COAG solicita á Xunta de Galicia que tome as medidas oportunas para resolver esta cuestión, actualizando os honorarios e establecendo un procedemento para que a súa renovación anual sexa automática, conforme ao IPC ou a outro índice de referencia, co fin de “evitar que este desfase se volva a repetir”.

O colectivo elabora e xestiona unha listaxe anual cos colexiados interesados en realizar informes periciais para a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo un protocolo asinado en 2014 para a prestación de asistencia pericial. Os honorarios correspondentes están fixados por unha orde de xuño de 2018. Tamén para ATRIGA, o Colexio remite unha listaxe das persoas colexiadas dispostas a actuar como peritos terceiros nas taxacións periciais contraditorias, con honorarios pola realización destes encargos fixados por unha orde de setembro de 2010.

“Estas ordes non determina a forma de actualización dos honorarios nin foron actualizadas desde a súa aprobación. En consecuencia, os honorarios que se están aplicando actualmente están claramente desfasados e requiren dunha actualización inmediata”, argumenta o Colexio.

O COAG enviou de forma reiterada nos últimos tres anos cartas aos departamentos implicados nas que expoñía a situación, pero non obtivo contestación.

Compartir