Información Xeográfica de Galicia

11 Dec 2014

A Xunta de Galicia pon á disposición dos usuarios toda a súa información cartográfica e urbanística na plataforma de Información Xeográfica de Galicia. 

Entre todas as ferramentas dispoñibles nesta interesante plataforma, destacan as seguintes aplicacións:

  • Planeamento Urbanístico: Acceso ao portal do Sistema de Información do Ordenación do Territorio e Urbanismo de Galicia, que contén información xeorreferenciada sobre instrumentos de planificación urbanística e que, nunha segunda fase, abordará os instrumentos de ordenación do territorio.
  • Visor do SIXPAC: O Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC) é unha base de datos oficial de referencia para a identificación de parcelas agrícolas, de utilización obrigatoria en España para realizar as solicitudes de axudas directas da PAC que requiran declarar superficies.
  • Serie Galicia 250K: Esta serie cartográfica está formada por un conxunto de mapas a escala 1:250.000 que cobren a totalidade do territorio galego. Ofrece unha temática variada que abrangue diferentes aspectos do territorio.
  • Demarcación hidrográfica Galicia-Costa: Nodo IDE (Infraestrutura de Datos Espaciais) composto por un visor, servizos web e metadatos sobre a información xeográfica contida no  Plan Hidrolóxico da Demarcación Galicia-Costa.
  • Topónimos de Galicia: Os nomes xeográficos conforman un conxunto de datos fundamental para o traballo no territorio. O sitio da toponimia de Galicia concentra a información e os traballos que se realizan para a recollida, normalización e difusión dos topónimos galegos.
  • Servizos no mapa: Ten por obxectivo facilitar a xeolocalización de servizos da Administración pública, tanto autonómica como estatal e local. Incorpora máis de 6.500 recursos xeorreferenciados aos que se seguirán incorporando, de xeito progresivo, novos tipos de servizos co obxectivo de converterse nunha guía de referencia para coñecer os datos de contacto e localización destes no territorio.
  • Patrimonio Cultural de Galicia: Información sobre o patrimonio cultural galego, constituído por bens materiais e inmateriais que, polo seu recoñecido valor propio, son estudados e considerados para a permanencia e a identidade da cultura galega a través do tempo.

Compartir