Inauguración da exposición “Domingo de Andrade: xenio e oficio” en Tui

0
Posted by / 18 agosto 2020 / Categories: Campañas COAG, coag, Cultura / -

O martes 18 de agosto tivo lugar na Corredoira do Seminario Menor en Tui, a inauguración da exposición «DOMINGO DE ANDRADE: XENIO E OFICIO», organizada con motivo do Día das Artes Galegas 2020 pola Consellería de Cultura e Turismo e o COAG.

No acto interviron:

  • Dona Sonia Mª Alvarado Peitieiros, tesoureira da delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
  • Sr. Don Manuel Quintana Martelo, Presidente da Real Academia Galega de Belas Artes.
  • Don Anxo Manuel Lorenzo Suárez, Director de Políticas Culturais da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
  • Sr. Don Enrique Cabaleiro González, Alcalde de Tui.

A exposición é itinerante e poderase contemplar nas seguintes cidades nas datas que se indican:

Tui: do 18/08/2020 ao 9/9/2020
Ourense: do 11/09/2020 ao 7/10/2020
Lugo: do 9/10/2020 ao 5/11/2020

Andrade é o mestre galego ao que a Real Academia Galega de Bellas Artes dedica o Día das Artes Galegas 2020, para a difusión da súa figura e traxectoria artística. Andrade é un dos primeiros grandes arquitectos naturais de Galicia en pleno Barroco, mestre dos máis importantes artistas do século XVIII e figura destacada da arquitectura española nos dous campos onde exerceu o seu oficio, a retablística e a construción. A exposición consta de 24 paneis onde se mostra, con imaxes fotográficas, planos e textos, a súa longa traxectoria de obras e proxectos por distintas localidades galegas como Santiago, Lugo, Ourense, A Coruña, Oseira, Sobrado, Tui…

Construcións relixiosas e civís, templos e vivendas, claustros e sacristías, retablos e tabernáculos, mesmo escribiu un tratado de arquitectura. Os historiadores da arte seguen aportando constantemente novos datos e novas sobre a súa vida e produción, actualizando a visión que se ten da mesma.

Destacan, entre as súas numerosas obras, na catedral de Santiago a Torre do Reloxo, o tabernáculo, a porta Real e a capela do Pilar. Reconstruíu tamén en Compostela as dependencias dos conventos e mosteiros de Santa Clara e Bonaval, e tamén en Sobrado dos Monxes. O seus retablos son numerosos, algúns xa desmontados e outros trasladados de templos. Modernizou a arquitectura civil de Santiago no século XVII, con edificios de vivendas de clara planificación urbana, como a ordenación da Quintana. “Andrade deseñaba e elaboraba cunha mestría e oficio dignos dun xenio” –sinalan os comisarios da mostra, Soraluce e Yzquierdo–.

About the author

Comentarios pechados.

Visit Us On FacebookVisit Us On TwitterVisit Us On InstagramVisit Us On Youtube