Estruturas. Pel contra pel é o título do novo documental que a segunda canle da TVG (G2) estrea hoxe ás 23.25 h. sobre urbanismo e o impacto do ser humano na paisaxe.

Dirixido e realizado por Paco Gallego e Xosé Antón Bocixa, Estruturas ten en conta as consecuencias de factores, como a explotación forestal, infraestruturas tipo os tendidos eléctricos, a actuación humana ante o aumento poboacional, o abandono do patrimonio, a asunción fóra de escala dos modelos urbanos nas contornas rurais ou rururbanas, o efecto de construcións inacabadas, da obra institucional e as actuacións debidas á especulación.

Neste documental, producido por Tingalaranga Audiovisual escoitaranse diferentes voces expertas, desde a do exdecano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Antonio Maroño, ata arquitectos e arquitectas como Fermín Blanco, Carlos Coto, Elvira Carregado e Carmen Vázquez. Ademais, participan o exdirector da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (Etsac), Fernando Agrasar; o sociólogo urbanista da Universidade da Coruña Manuel G. Docampo, e a xeógrafa Rocío Romar, colaboradora do proxecto educativo Proxectoterra, que leva os valores da paisaxe e da arquitectura ás aulas de ensino de Primaria e Secundaria de Galicia desde hai anos.

Fonte: Diario La Opinión A Coruña.