Clínica de Casas – Ucraína

20 Abril 2022

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña lanza xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a Clínica de Casas – Ucraína, un dispositivo para a asistencia a persoas refuxiadas en Galicia en materia de habitabilidade.

A Guerra en Ucraína ven de orixinar una crise humanitaria que ten entre outros efectos a migración forzosa dun numeroso continxente humano. Unha parte dese colectivo está a chegar a Galicia nun número que previsiblemente se incrementará nos próximos tempos. Sumándose a outros colectivos que xa acudían a nós por motivo semellantes.

Sabemos do esforzo dos municipios de Galicia por brindar acollida a esas persoas, arranxando aloxamento, na medida das súas posibilidades.

A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña xunto co Colexio de Arquitectos de Galicia como axentes de responsabilidade e coñecedores do impacto que esta situación pode ter na gobernanza local e na mellor acollida ás persoas solicitantes de refuxio veñen de deseñar un dispositivo de asistencia ante esta necesidade sobreviñida.

Trátase da CLÍNICA DE CASAS – UCRAÍNA.

Que é Clínica de Casas – Ucraína?

É un dispositivo que ofrece un servizo profesional, sen custe algún no que estudantado de arquitectura acompañado por profesionais da arquitectura, operando ambos en réxime de voluntariado ofrecen apoio na verificación das condicións de habitabilidade dos locais que se oferten. Tamén se ofrece a asistencia na execución das pequenas obras que puideran ser necesarias para acadar as mellores condicións habitacionais.

Clínica de Casa ofértase a colectivos, persoas e institucións que oferten acollida a persoas refuxiadas no ámbito xeográfico de Galicia.

Carta de servizos e procedemento de actuación

Tes a descrición do dispositivo, a súa carta de servizos e o procedemento de actuación na páxina web CLÍNICA DE CASAS – UCRAÍNA – CLÍNICA DE CASAS (udc.gal)

Aquí recolleranse as ofertas que poidan chegar e serán veiculizadas a todas as persoas da comunidade ETSAC / COAG en función de criterios de localización xeográfica e de complexidade do tema a abordar.

A quen nos diriximos?

Calquera persoa, institución ou colectivo que desexe ofertar solucións habitacionais a persoas en situación de acollida temporal nas mellores condicións de habitabilidade.

Quedan excluídas do servizo as actuacións dirixidas a persoas necesitadas de asistencia sanitaria, actuacións en recintos non residenciais en réxime de aloxamento de emerxencia ou aquelas que teñan algún animo de lucro.

Folla de servizos

CLÍNICA DE CASAS – UCRAÍNA ofrece:

  • o diagnóstico e valoración das condicións de habitabilidade das solucións habitacionais ofertadas á comunidade ucraína refuxiada en Galicia.
  • a realización de programas de actuación que non requiran de intervención profesional suxeita a responsabilidade civil.
  • o acompañamento na execución material de pequenas obras de adecuación.
  • o retorno das edificacións ao seu estado orixinal trala estancia temporal de persoas refuxiadas.

Como operamos?

CLINICA DE CASAS actúa baixo demanda, en calquera punto de Galicia. Pode facelo por dous canais

  • Via remota, recibindo demandas de asistencia a través da páxina web http://clinicadascasas.udc.gal/ ou do email: clinicacasasgal@gmail.com
  • In situ, en calquera lugar de Galicia.

Filosofía da iniciativa

Clínica de Casas é unha iniciativa solidaria conxunta da Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que atende a dúas grandes finalidades de interese social, humanitario, cultural e educativo:

Contribúe á realización efectiva dos dereitos e liberdades das persoas, nomenadamente os de carácter social ao prestar asistencia para a obtención do dereito a vivenda a persoas en situación de risco de exclusión ou vulnerables como as refuxiadas e asiladas e a entidades sen ánimo de lucro que traballan con elas.

Representa tamén un beneficio claro para o estudantado participante pois mellora a súa formación profesional a través da práctica en asuntos de interese social, permitíndolles comprobar a utilidade da arquitectura como instrumento de cambio e mellora da sociedade.

Clínica das casas presta os seus servizo gratuitamente. Estas finalidades da Clínica de Casas teñen como marco os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible impulsados polas Nacións Unidas.

Mais información

Para informacións complementarias pode dirixirse a Secretaria de Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura por estas canles:

secretaria.direccion.etsac@udc.gal

Telefono: 881015018

 

Compartir