O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia informa da creación dunha base de datos orientada ao uso profesional co obxectivo de facilitar a todas a persoas colexiadas dar a coñecer a súa experiencia no eido do urbanismo.
É unha iniciativa da Vogalía de Urbanismo e a Delegación de Santiago coa colaboración da Agrupación de Arquitectas e Arquitectos Urbanistas de Galicia (AGAU), destinada a poñer en valor as capacidades e a experiencia profesional dos colexiados e colexiadas do COAG, nun contexto no que a especialización cada vez ten maior relevancia.
A base de datos estará integrada por todas as persoas ou sociedades colexiadas que voluntariamente soliciten formar parte da mesma, puidendose inscribir a través da web colexial, e cubrindo de maneira breve a súa experiencia e datos de contacto, sendo condición necesaria estar ao corrente das obrigas colexiais.
O COAG fomentará o uso desta Base de datos e facilitará o seu acceso aos organismos que poidan estar interesados en coñecela e cos que así o acorden.
A base de datos elaborada polo COAG, de libre participación, ten unha finalidade meramente informativa, nin exclusiva nin excluinte, e non supón, de ningún xeito, a valoración dos méritos dos seus integrantes.
Para obter máis información sobre o DATACOAG, realizar consultas, así como proceder á inscrición ou actualización do perfil profesional, deberase acceder ao seguinte [ENLACE].
Organización da base de datos:
- Poderán inscribirse e participar no sorteo todas as persoas colexiadas, así como as sociedades profesionais, inscritas no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, quedando excluídos:
- Os que se encontren en situación de suspensión na súa colexiación.
- Os que non se atopen en plenitude dos seus dereitos como colexiados.
- A inscrición poderase realizar en calquera momento desde a publicación da presente convocatoria e permanecerá aberta permanentemente.
- A inscrición requirirá a aceptación expresa das condicións desta convocatoria e do tratamento de datos.
- Cada vez que unha nova entidade formalice o acceso á base de datos informarase puntualmente ás persoas inscritas.
- A incorporación e permanencia na base de datos suporá que os datos dos inscritos se facilitarán a cada endidade coa cal se convenie o acceso. En caso de non desexar que os seus datos se faciliten a algunha das entidades que accedan á base, será preciso solicitar a baixa na base de datos.
- A base de datos recollerá os datos de contacto de cada persoa colexiada inscrita que figuren na base de datos co COAG. En caso de querer actualizar os mesmos deberá procederse conforme ao procedemento establecido.
- Cada persoa inscrita terá a opción de indicar os datos dos dispoñibles no formulario que desexa que se lle faciliten ás Administracións e os que non.
