No 2017, ante a vaga de incendios que sufriu Galicia, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, dentro do seu compromiso social, puxo en marcha un proceso para apoiar as familias que o necesitasen. Este verán de 2025 repítese a situación e de novo toda Galicia, en especial a provincia de Ourense, está a sufrir unha devastación inasumible. Os danos son irreparables e de novo reiteramos a necesidade de prevención para non sufrir esta traxedia cada poucos anos. En calquera caso, de novo todos/as os/as que formamos parte deste colectivo queremos estar a disposición do país.
Trasladamos comunicado institucional ante a nova vaga de incendios forestais en Galicia e no Estado.
Polas razóns expostas, habilitase unha lista aberta de colexiados/as dispostos/as a axudar no proceso de recuperación das nosas familias e a nosa terra baixo a denominación “quenda COAGAxuda” de voluntariado de arquitectos.
O obxectivo é posibilitar a prestación de servizos en materia de voluntariado por parte dos profesionais colexiados no COAG e inscritos nela aos cidadáns e/ou entidades públicas e/ou privadas que o soliciten.
Esta colaboración realizarase a través das administracións públicas, debendo as persoas afectadas interesadas dirixirse ao seu concello para realizar as solicitudes. As administracións públicas, para solicitar a axuda, deberán utilizar o seguinte formulario:
O Colexio exerce de mediador entre os Concellos e demais entidades públicas que requiran a colaboración de arquitectos, consistente na elaboración de traballos que comprenderán inspeccións e revisións de construcións, informes e traballos de estilo similar. En ningún caso, se atenderán por esta canle encargos consistentes en proxectos ou encargos de similar complexidade ou responsabilidades.
En resumo, trátase dunha iniciativa colexial que pretende canalizar a solidariedade dos colexiados interesados en colaborar voluntaria e desinteresadamente cos Concellos afectados, sen que os colexiados aos que se lle asignen encargos cobren honorarios pola colaboración.
CONFIGURACIÓN DA QUENDA
A configuración da quenda realizarase polo procedemento habitual do COAG nas denominadas “bolsas” segundo as condicións referidas a continuación.
Número de listas
Organizaranse catro listas de ámbito territorial coincidente coas catro provincias galegas. Os colexiados interesados poderán inscribirse na listas ou listas que desexen, asumindo deste xeito a vontade real de desenvolver o seu voluntariado nas áreas da súa elección.
INSCRICIÓN: REQUISITOS, FORMA, ELECCIÓN E PRAZO
Poden inscribirse todos os arquitectos e arquitectas colexiadas no Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia quedando excluídas:
- Aqueles ou aquelas que se atopen en situación de suspensión na súa colexiación.
- Os e as que non se atopen en plenitude dos seus dereitos de colexiación.
O prazo de inscrición rematará ás 23:59 horas do 15 de setembro de 2025.
A inscrición realizarase a través do seguinte ENLACE.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, realizarase un sorteo para ordenar a lista de persoas inscritas; publicándose a listaxe que resulte no apartado informativo da web colexial sobre a presente convocatoria.
FUNCIONAMENTO
As solicitudes de axuda ou demanda de servizo de voluntariado realizadas por cidadáns e/ou entidades entidades públicas e/ou privadas canalizaranse do seguinte xeito: O COAG, unha vez recibida unha solicitude de axuda, seleccionará seguindo a orde sorteada as persoas colexiadas inscritas, trasladándolle a aquel ou aquela que por turno lle corresponda a natureza e características da solicitude, así como os datos de contacto da persoa ou entidade solicitante.
- Realizarase un sorteo para cada unha das 4 listas de ámbito provincial.
- O sorteo realizarase cunha aplicación informática que utiliza o algoritmo “Fisher–Yates”, o cal xera unha permutación aleatoria sobre un conxunto finito de elementos dando como resultado un listado cunha orden de prelación entre todos os inscritos, que será aplicada para a proposta de asignación de servizo de voluntariado.
- En caso de renuncia de calquera dos designados ou designadas, pasarase a seguinte persoa colexiada conforme á orde de prelación establecida.
O Colexio exerce de mediador entre os Concellos e demais entidades públicas que requiran a colaboración de arquitectos, consistente na elaboración de traballos que comprenderán inspeccións e revisións de construcións, informes e traballos de estilo similar. En ningún caso, se atenderán por esta canle encargos consistentes en proxectos ou encargos de similar complexidade ou responsabilidades.
En resumo, trátase dunha iniciativa colexial que pretende canalizar a solidariedade dos colexiados interesados en colaborar voluntaria e desinteresadamente cos Concellos afectados, sen que os colexiados aos que se lle asignen encargos cobren honorarios pola colaboración.
TRATAMENTO DE DATOS
Para as comunicacións entre a persoa colexiada e o COAG necesarias para a elaboración e xestión desta quenda, o COAG utilizará os datos de contacto que figuran na ficha colexial que, de acordo co establecido pola Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais, están incluídos no ficheiro automatizado (“Colexiados”) do que é titular o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A persoa colexiada pode exercer en calquera momento os dereitos de acceso, rectificación, cancelación ou oposición que recoñece a lei dirixíndose por escrito ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, con domicilio en Praza da Quintana, 1. 2º. 15704-Santiago de Compostela.
Mediante a inscrición na quenda COAGAxuda a persoa colexiada presta o seu consentimento inequívoco ao COAG para o tratamento automatizado de todos os datos incluídos na súa ficha colexial e o seu emprego para a elaboración e xestión da quenda, de cuxo funcionamento ten sido informado.
CONSULTAS
Se poderán realizar consultas sobre a presente convocatoria a través do panel de servizos colexial, no seguinte enlace: CONSULTAS.
