O mércores 15 de maio, ás 19:00 horas, inaugúrase a exposición CREUSeCARRASCO debuxos na sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A exposición poderá visitarse en horario de apertura do COAG ata o 2 de setembro.
A mostra recolle parte do traballo gráfico realizado por CREUSeCARRASCO nestes últimos anos. Dende algún proxecto pensado e debuxado a man ata a imaxe tratada mediante capas dixitais, pasando pola representación directa de descricións literarias ou paisaxes reais olladas en movemento.
Uns aparecen durante o proceso de reflexión, sobre a propia representación dun lugar que se transforma co proxecto.
Outros cobran intensidade cando se comproba a mesura e xeometría do trazo. Ou collen orde na abstracción dun esquema que resolve a complexidade amosando os elementos dunha arquitectura feita por partes.
Algúns, os máis inmediatos, resumen nas follas dos libros conceptos e ideas escritas ou mesmo condensan, nun pequeno papel, a viaxe completa ao través dun territorio.
E noutros explícase como, ás veces, a coherencia dun proxecto enténdese mellor cunha imaxe e expresión final.
Organizada en diferentes seccións, esta mostra comeza cunha serie de pequenos Debuxos de instante feitos en libros, teas, camiñando, ou mesmo indo en coche ou avión; continúa cunha selección de debuxos en paneis colgados de 2×2 metros con proxectos en Terra en diferentes fases de proceso e, xa na parede, cun longo pano dedicado a proxectos na Costa.
Xunto con algunha Maqueta de traballo relacionada, a mostra contén algúns dos debuxos publicados en libros e revistas así como en RESINA, caixiña editada polo estudio e presente na imaxe do conxunto.
A exposición sitúa ao observador dentro da ventá, ollando por un oco cara o espazo que vai ser percorrido, analizado, pensado ou construído ao mesmo tempo.
CREUSeCARRASCO
Juan Creus e Covadonga Carrasco
Dende hai anos dirixen o seu estudio na Coruña, co que teñen recibido numerosos premios de arquitectura e a súa obra é amplamente publicada en medios. Gañadores entre outros do Ar+d Emerging Architecture Award, concedido por Architectural Review e o RIBA, foron nomeados ao Premio Mies van der Rohe e participaron en dúas ocasións na Bienal de Venecia de Arquitectura co Pavillón Español, nunha delas gañador do León de Ouro. Premiados pola BEAU en tres das súas edicións, así como nos FAD e na exposición Jóvenes Arquitectos Españoles JAE, foron tamén Mención de honra no Premio de Arquitectura Española CSCAE. No ámbito galego teñen gañado o premio ENOR, o Premio Galego de Arquitectura e tamén, en diferentes edicións o Premio COAG e o Juana de Vega de Arquitectura. Estudo galego elixido para participar nos V Encontros Internacionais de Arquitectura, numerosas revistas publican seu traballo e existen diferentes publicacións monográficas sobre a súa obra. Ambos colaboran en revistas, foros e eventos relacionados co territorio e a arquitectura, recibindo recoñecementos como o Chimpín de Prata no Festival de Cans. Dende seu estudio editan a revista RESINA e coas súas intervencións pretenden a re invención da paisaxe próxima como forma xenérica.
DATA DA INAUGURACIÓN:
Mércores 15 de maio 2024 – 19:00 horas
HORARIO:
A exposición poderá visitarse en horario de apertura do COAG até o 2 de setembro.
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64,
ORGANIZA:
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago
AGRADECEMENTOS:
DPAUC, ETSAC, UDC
iGuzzini