Xornada Deputación Lugo co COAG “A nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia: aplicación práctica no rural”

16 maio 2016

Dende a área de Cooperación e Asistencia aos Concellos da Deputación de Lugo, na política de fomento e mellora constante dos nosos servizos prestados, e continuando coa implantación e desenvolvemento do Departamento de Asistencia Técnica Urbanística posto en marcha recentemente, somos conscientes de que nos últimos anos, o urbanismo, con todas as modificacións e novidades na súa Normativa de aplicación, e en especial a recente aprobación da nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia, experimentou unha notable influencia no desenvolvemento das actividades económicas, industriais e sociais da nosa Comunidade e está no centro do debate público e político.

Esta é a primeira ocasión na que a Deputación organiza unha xornada cos principais e máis salientables actores do mundo urbanístico, tanto a nivel técnico como xurídico, como arquitectos, xuristas, e entidades colaboradoras nesta Xornada como son a Delegación de Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia, tratando de analizar, dende todas as súas vertentes, pero principalmente dende a máis práctica, os numerosos temas de actualidade que atinxen á actividade cotiá relacionada co urbanismo dentro do Eido Local.

Os debates sobre a problemática do rural, de especial incidencia na maior parte do noso territorio, o que inclúe as actuacións sobre as explotacións agropecuarias, as edificacións existentes no rústico, as segregacións, os fóra de ordenación, etc… conforman a problemática diaria coa que teñen que lidiar os Alcaldes, Secretarios, técnicos municipais e outros axentes intervintes, no desenvolvemento da súa actividade de servizo aos cidadáns, co que cómpre ter unha visión global e real centrada nesta actividade diaria do noso territorio que nos permita mellorar a resposta e actuación práctica por parte dos Concellos.

Prestixiosos expertos, tanto arquitectos como recoñecidos xuristas de diferentes ramas do dereito, tratarán de dar resposta a algúns dos principais interrogantes que están a xurdir nestes primeiros pasos da Lei 2/2016 do Solo, dos que fundamentalmente podemos citar os seguintes:

  • ¿Cal é o futuro das explotacións e instalacións de apoio á actividade agropecuaria, de primeira transformación de produtos agrogandeiros e forestais existentes, tanto nos núcleos rurais como no solo rústico?. Análise da nova Instrucción sobre a Lei publicada neste senso.

  • ¿Cómo deberá ser a actuación dos Concellos ante as novas competencias asumidas no ámbito das autorizacións en solo rústico que resultan cedidas pola Administración Autonómica?

  • Actuacións en materia de Disciplina urbanística: responsabilidade dos Alcaldes e técnicos municipais. Actuación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Sancións para combater o dado en chamar “feísmo” existente nos nosos núcleos de poboación debido ás edificacións sen rematar exteriormente.

  • Novo elemento de planeamento municipal: os Plans Básicos Municipais como solución para o planeamento urbanístico dun municipio completo para os concellos de menos de 5.000 habitantes.

  • Casuística e problemática dos Fóra de Ordenación coa nova Lei do Solo, diferenzas entre usos e obras permitidos.

Data: 31 de maio de 2016

Lugar: Salón de Actos da Deputación de Lugo.

PROGRAMA DA XORNADA:

Coordinación da Xornada : D. Raúl J. Veiga Lamelas. Presidente da Delegación en Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG)

MAÑÁ

  • 9.00-9.15h. Recepción dos asistentes e entrega da documentación.

  • 9:15h-9:30h. Apertura da Xornada. Intervención de Don Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente da Deputación de Lugo e Deputado delegado da Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, de Don Álvaro Santos Ramos, Deputado delegado da Área de Promoción Económica e Social e de Don Raúl J. Veiga Lamelas, Presidente da Delegación en Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
  • 9:30h-10:30h. Relatorio: Novidades en materia de disciplina urbanística. Don José María Domínguez Blanco. Subdirector da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU). Xunta de Galicia.

  • 10:30h-11:30h. Relatorio: Intervención Urbanística en municipios rurais na Lei 2/2016. Claves para un urbanismo sostible. Don José González-Cebrián Tello. Doutor Arquitecto. Catedrático da Universidade da Coruña.

  • 11:30h-12:00h: Descanso.

  • 12.00h-13:00h: Relatorio: Licenzas, fóra de ordenación e dereito transitorio. Don Juan Raposo Arceo. Doutor en Dereito. Profesor Titular da Universidade da Coruña. Asesor xurídico do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
  • 13.00h-14:00h: Relatorio: O PXOU na Lei 2/2016: contido, tramitación e participación cidadá. O caso de Castroforte de Baralla. Don Antonio de Vega Rodríguez. Arquitecto. Profesor Titular da Universidade de Santiago de Compostela.

 TARDE

  • 16:00h-17:00h: Relatorio: As explotacións agropecuarias nos núcleos rurais e no solo rústico na Lei 2/2016. Don Paulo López Porto. Doutor en Dereito. Coordinador da área de Dereito Administrativo II do Máster da Avogacía na Universidade de Santiago de Compostela.

  • 17:00h-18:00h: Relatorio: Obra nova: a Notaría e o Rexistro. Don Héctor Pardo García. Notario. Profesor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

  • 18:00h-18:30h: Descanso.

  • 18:30h-19:45h: Mesa redonda/Debate Don José González-Cebrián Tello Don Héctor Pardo García Don Paulo López Porto Don Antonio de Vega Rodríguez Don Juan Raposo Arceo Don José María Domínguez Blanco
  • 19:45h-20.00h: Clausura do Encontro: Intervención de Don Antonio Veiga Outeiro, Vicepresidente da Deputación de Lugo e Deputado delegado da Área de Cooperación e Asistencia ós Concellos, e de Don Raúl J. Veiga Lamelas. Presidente da Delegación en Lugo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).

XORNADA “A nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia: aplicación práctica no rural”

INSCRICIÓN PREMA AQUÍ

Prazo: Ata o 27 de maio de 2016.

Organiza: Área de Cooperación e Asistencia aos Concellos. Vicepresidencia da Excma. Deputación de Lugo.

Destinatarios: Alcaldes, concelleiros, deputados provinciais, outros cargos electos, secretarios, secretarios-interventores, técnicos municipais e da Administración en xeral, arquitectos, arquitectos técnicos, persoal ao servizo dos entes locais e do sector público en xeral, e resto de persoas con intereses no campo do urbanismo.

O aforo está limitado pola capacidade do salón de actos da Deputación, polo que terán preferencia os empregados públicos cuxos postos garden relación co contido da Xornada, así como os colexiados do COAG.

Diploma: Aos asistentes expediráselles pola Deputación de Lugo e polo COAG un diploma acreditativo da súa asistencia a esta XORNADA DE URBANISMO NA PROVINCIA DE LUGO.

04_DIPTICO_EXT

Compartir