O pasado 23 de xullo publicouse no BOE o Real Decreto 659/2025, do 22 de xullo, polo que se modifica o Real Decreto 390/2021, do 1 de xuño, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios, onde se adecúa a figura do técnico competente a un modelo baseado nos coñecementos e as cualificacións profesionais necesarias para a elaboración dos certificados de eficiencia enerxética.
O real decreto introduce como variables para acreditarse como técnico competente a formación e os coñecementos adquiridos, distinguindo entre persoas con titulación universitaria e persoas con titulación de Formación Profesional ou certificado profesional, requirindo a presentación dunha declaración responsable antes do inicio da actividade. Así mesmo, este real decreto introduce o requisito de complementar os coñecementos adquiridos, en función da titulación obtida, mediante un curso de formación composto de dous módulos (módulo 1, de coñecementos técnicos básicos necesarios, e módulo 2, de coñecementos específicos e administrativos relacionados coa certificación da eficiencia enerxética nos edificios). Esta división en módulos permite cursar unicamente un dos módulos, se a titulación ou certificado profesional permite acreditar os coñecementos do outro módulo.
Así mesmo, créase o Rexistro Administrativo Centralizado de Técnicos Competentes, onde estarán rexistrados todos os técnicos competentes acreditados para a certificación da eficiencia enerxética nos edificios. O órgano competente de cada comunidade autónoma que decida utilizalo será o encargado de inscribir a cada técnico competente dándolle de alta e borrar aos que causen baixa, mentres que o órgano competente que decida non utilizalo deberá poñer, mensualmente, ao dispor da Dirección Xeral de Planificación e Coordinación Enerxética do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o rexistro autonómico actualizado de técnicos competentes.
Por último, este real decreto deroga o Real Decreto 891/1980, do 14 de abril, sobre homologación dos paneis solares, como consecuencia da aplicación das políticas de Novo Enfoque, Enfoque Global e finalmente, o Novo Marco Lexislativo que desenvolveron a libre circulación de mercadorías dentro do territorio da Unión Europea.
