Pola relevancia que posúe a modificación da ordenanza reguladora de licenzas do Concello da Coruña, ponse en coñecemento dos colexiados/as que o 13 de agosto abriu o trámite de consulta pública (até o 3 de setembro) para achegar aportacións a este proceso consultivo.
Esta modificación da ordenanza ven a colación do Decreto polo que se regulan as actividades das Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM) no ámbito urbanístico, que está elaborando a Xunta de Galicia e que aínda non está dispoñible. O obxectivo deste Decreto é establecer un marco regulatorio para un sistema de colaboración público-privada no ámbito das licenzas urbanísticas, abrindo a posibilidade de intervención das ECCOM en todas as licenzas e comunicacións que teñan por obxecto actos de edificación ou de uso do solo ou do subsolo. Esta intervención de entidades privadas nun ámbito tan delicado dende o punto de vista xurídico e social, como é o das licenzas urbanísticas, pon enriba da mesa dous asuntos centrais:
- A seguridade xurídica tanto para os particulares como para os técnicos implicados, así como para os operadores xurídicos das AAPP.
- A posibilidade de que estas Entidades privadas releven da súa potestade pública ás Administracións Públicas, en función do que finalmente determinen tanto o Decreto da Xunta como as ordenanzas municipais.
O COAG entende que hai moitas medidas para axilizar os prazos, sen que isto implique perda de control, para garantir unha alta calidade do noso espazo urbano, o cumprimento do principio de seguridade xurídica e o acceso da cidadanía en tempo e forma ós dereitos que ten recoñecidos no noso ordenamento legal.
No caso do Concello da Coruña, a ordenanza que se está a elaborar pon enriba da mesa un asunto central: se o concello vai preservar a súa potestade pública en toda a cidade ou, pola contra, só en inmobles catalogados no Plan Xeral e no ámbito PEPRI.
Enlace para realizar aportacións: https://www.coruna.gal/web/gl/actualidade/novas/nova/aberta-a-consulta-publica-previa-a-modificacion-da-ordenanza-reguladora-de-licenzas-con-vistas-a/suceso/1453873444077