Taller de cine VIVIR RODANDO ARQUITECTURAS

25 Set 2024

VIVIR RODANDO ARQUITECTURAS

TALLER DE CINE

co Director

ALFONSO ZARAUZA

+ CHOCOLATADA

COLEXIAL

VENRES 4 DE OUTUBRO

De 17:00 a 21:30

As necesidades audiovisuais dos estudios de arquitectura son cada vez maiores e, á súa vez, os arquitectos/as teñen cada vez máis presenza en proxectos artísticos ou expresións culturais colectivas relacionadas coa imaxe en movemento, en Plataformas e Festivais, así como no cine.

Da mesma maneira, tampouco se pode pasar por alto a potencia narrativa da arquitectura, a influencia da produción cinematográfica na carreira de moitos arquitectos/as, a importancia da arquitectura no proceso de creación dunha peza audiovisual, así como as posibilidades que os distintos formatos audiovisuais poden ofrecer para mellorar a cultura arquitectónica da sociedade, ou para comunicar os proxectos de arquitectura.

Este taller de cine dirixido por Alfonso Zarauza é unha oportunidade única para compartir o proceso creativo dun director de cine galego diante de tres retos que poden ser afrontados dunha maneira moi singular:

  • Filmar unha cidade
  • Filmar unha paisaxe
  • Filmar a construción dunha obra.

E é tamén unha oportunidade irrepetible para adentrarse nas conexións e interrelacións entre cine e arquitectura, así como nos procesos creativos de ambas disciplinas.

Ademais, por suposto, de desfrutar dunha rica ¡chocolatada colexial!

 

Programa

Arquitectura organizativa dun filme contemporáneo:

  • 1- O paso do texto ás imaxes (Planificación técnica/ Story board caseiro)
  • 2- Organización dunha rodaxe (Equipos de traballo/Loxística)
  • 3- Configuración estética do filme Ons (Cores-pantone/ Texturas-ópticas-luz/relación de aspecto 1:2:35/ Encadres e posta en escena/ Traballo cos actores/ Aspectos climáticos Atmósfera/ O deseño do cartaz e o posicionamento do filme.
  • 4- A idea fílmica (A maneira de rodar: plano secuencia/ fóra de campo/ tempo interno montaxe-ritmo/ a idea de illa no filme Ons). O tratamento sonoro do filme.

 

Horario

De 17:00 a 21:30

Descanso de cine con chocolatada colexial ás 18:40

Coloquio cos participantes ás 20:40

O taller é gratuíto e non require inscrición previa.

 

ALFONSO ZARAUZA

(Compostela 1973)

Un dos máis relevantes, queridos e experimentados autores do cinema galego contemporáneo destacando coma director, produtor e guionista. Conta con dez premios Mestre Mateo, nestas tres disciplinas, que avalan a súa traxectoria. Foi premio de honor Cineuropa no 2020 polo conxunto de toda a súa obra.

DIRECTOR

Dirixiu seis longametraxes, dúas series de tv e máis de vinte pezas experimentais polo que recibiu diversos premios internacionais entre os que destaca o premio ao mellor director en competencia internacional por La noche que dejó de llover en Viña del Mar (Chile) no 2008 ou o premio do xurado no Brussels Film Festival por Os Fenómenos no 2014. Entre os seus filmes principais destacan ademáis da súa ópera prima La noche que dejó de llover (2008), Encallados (2012), Os fenómenos (2013), A viaxe dos Chévere (2015) Ons (2020) ou Malencolía (2021). Recibiu tres Mestre Mateo coma mellor director.

GUIONISTA

Como guionista escribiu sete longametraxes xa filmadas e estreadas polas que recibiu o premio ao mellor guion en competencia internacional en Trieste no 2008 pola coprodución cubano/brasileira A ilha da morte de Wolney Oliveira. O premio en Los Angeles no 2006 no LALIFF (Los Angeles Latino Film Festival) por La noche que dejó de llover. Recibiu tamén o premio ao mellor guion de longametraxe no Festival Iberoamericano do Ceará en Fortaleza (Brasil) no 2014 por Os fenómenos. Recibiu o Mestre Mateo ao mellor guion por La noche que dejó de llover, Os fenómenos e Ons.

PRODUTOR

Coma produtor destaca por ter producido a ópera prima de Jaione Camborda Arima estreada en San Sebastian, e os novos filmes de Angel Santos Así chegou a noite e de Lois Patiño La nube del no saber. Tamén destaca coma produtor dos seus tres últimos filmes: Malencolía, Os fenómenos e Ons,  polos que ten recibido os premios Mestre Mateo ao mellor filme. Con esta última película, recibiu tamén o premio ao mellor single drama no Celtic Media Festival en Glasgow no 2021.

Compartir