O mércores 8 de outubro, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a presentación da monografía: EN BLANCO sobre CREUSeCARRASCO, na que participarán Laura Lizondo Sevilla, Directora da Cátedra Blanca e da revista EN BLANCO (UPV), Jorge Meijide Tomás, autor do artigo: Del territorio al objeto (y vuelta) e os arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco.
Síntese
CREUSeCARRASCO protagonizan o número 38 da colección En Blanco, unha monografía que reúne unha selección de obras recentes organizadas en capítulos arredor dun tema: Porto, Habitación, Casa e Pendente. Cada un destes capítulos aborda unha forma distinta de relación co territorio, o habitar, e a xeografía galega; tan presente na súa arquitectura coma o mar. Todas as obras comparten un material que as vertebra: o formigón. Pero en mans deste estudio, o formigón transcende a súa condición industrial para converterse nunha materia próxima, sensible, que dialoga coa madeira e a pedra local. Non hai artificio: só unha forma de construír que se incorpora con naturalidade á paisaxe e á tradición recentes. O que distingue a obra de Creus e Carrasco é a súa capacidade para non impoñer formas, senón para escoitar o lugar. Arquitecturas como a reurbanización do porto de Porto do Son, o Hotel Bela Fisterra ou a Casa Chao revelan unha sensibilidade particular cara o contexto, entendido non coma fondo neutro, senón coma memoria activa que condiciona cada decisión do proxecto. Dende a fundación do seu estudio na Coruña en 1994, Juan Creus e Covadonga Carrasco desenrolaron unha práctica coherente, rigorosa e emocional, que abrangue dende pezas de mobiliario ata intervencións urbanas a gran escala. A súa arquitectura é á vez específica e aberta, profundamente enraizada en Galicia, pero proxectada cara futuros posibles. O libro ofrece unha documentación excepcionalmente rica: ás fotografías súmanse planos, maquetas e detalles construtivos que permiten entender en profundidade o desenrolo de cada proxecto.
CREUSeCARRASCO Arquitectos
Juan Creus (Cée, 1966) doutor arquitecto e profesor titular de proxectos na ETSA da Coruña e Covadonga Carrasco (Ribadeo, 1965), arquitecta. Fundan o estudio CREUSeCARRASCO na Coruña en 1994 e dende entón teñen realizado numerosos proxectos e obras que tocan a pequena escala –dende mobiliario e exposicións até módulos de habitación e vivenda mínimos–, a rehabilitación e ampliación de edificios históricos, pero tamén creacións de escala urbana e territorial, con intervencións en espazo público ou en itinerarios universais como o Camiño de Santiago.
Entre os premios internacionais recibidos destacan o European Public Space Award – Waterfronts (2024), o Ar+d Emerging Architecture Award, concedido por Architectural Review e o RIBA (2011), o Premio FAD (2023, 2014) ou o León de Oro, como parte do Pabellón Español na Bienal de Arquitectura de Venecia (2016). Tamén teñen sido nominados ao Premio Mies van der Rohe (2015) e noutra ocasión ao European Public Space Award (2010). Así mesmo, teñen sido premiados pola Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo BEAU (2023, 2016, 2011) e polo Premio de Arquitectura Española CSCAE (2021). Tamén teñen recibido o Premio Galego de Arquitectura (2016), o Premio ENOR Galicia (2007), Premio COAG (2024, 2022, 2011, 2002, 2000) e o Premio Juana de Vega de Arquitectura (2018, 2015, 2013).
En 2007 foron o estudio galego participante nos V Encontros Internacionais de Arquitectura. A súa obra está publicada en diferentes monografías e revistas, tanto nacionais como internacionais. Ambos colaboran en medios e foros relacionados co territorio e a arquitectura, editando dende o seu estudio a revista RESINA. Teñen difundido as súas creacións reivindicando sempre o contexto social cultural e espacial de Galicia, coas súas intervencións a súa intención é reinventar a paisaxe próxima como forma xenérica.
DATA:
Mércores 8 de outubro de 2025– 19:00 horas
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
COLABORAN:
Adegas Lagar do Vento
Asociación cultural Flor de Santiago
