O venres 10 de abril, ás 10:00 horas, comezará unha agardada nova edición do Maratón de debuxo organizado pola asignatura de Análise de Formas Arquitectónicas, AFA, do Departamento de Expresión Gráfica Arquitectónica (EGA), ETSAC, UDC. O lugar de inicio será Linares Rivas 50, á altura de Jaspe Art, e a seguinte parada será, ás 10:30 horas, a Delegación da Coruña do COAG.
Síntese
«O obxectivo deste maratón non é outro que desfrutar dun día diferente, debuxando, experimentando, compartindo… e de paso cambiar o xeito de percibir as cousas que nos rodean, aprendendo a facelo cunha maior profundidade. Intentaremos levar ao papel, sen pausa e na medida das posibilidades de cada un, todo canto nos rodea, co lapis, acuarelas, rotuladores ou calquera outra técnica que nos poida interesar.
Compartir o maratón con outra xente e debuxar acompañados doutras persoas que tamén debuxan fai que a experiencia sexa máis interesante e divertida, positiva e inspiradora. Diferentes puntos de vista, diferentes detalles, diferentes sensibilidades…».
Organización do Maratón
«Trátase de DEBUXAR SEN PARAR durante todo o percorrido proposto, tendo en conta que:
- Non se necesita ningún tipo de experiencia previa para participar.
- Non hai regras.
- Todos poden participar, sexa durante 20 minutos ou ao longo de todo o maratón.
- Debuxaremos edificios, persoas, cafés, restaurantes, interiores, vistas, prazas, rúas, obxectos, persoas, animais… todo canto nos resulte interesante.
- No punto de encontro realizarase un control de sinaturas, e entregarase a documentación necesaria, plano do percorrido e bloque.
- Os organizadores seguirán o percorrido e o horario marcado no plano.
- Estarán nas paradas marcadas para informar, asesorar ou recoller os traballos realizados.
- Os participantes poden organizar o tempo do maratón como mellor lles pareza.
- Non é obrigatorio seguir todo o percorrido. Podemos facer atallos ou paradas máis longas.
- Podes traer o teu propio bloque de debuxo (que será asinado pola organización), lapis, rotuladores ou o que consideres oportuno. Técnica libre.
Recoméndase a realización de debuxos rápidos, apuntes, bosquexos, impresións… e non debuxos que supoñan longos períodos de traballo.
A todos os debuxos se lles poñerá a data, hora e lugar de realización. Despois de camiñar e debuxar entregarase o resultado no lugar e hora indicado.
Todos os diferentes niveis de habilidade son benvidos, dende artistas, veteranos, afeccionados, debutantes.
PREZO: Gratis
MATERIAL: Bloque e utensilios de debuxo segundo preferencias de cada un.
NOTA: Participación aberta A TODO O MUNDO».
DATA
Inauguración: Venres, 10 de abril do 2026– 10:00 horas
Duración: de 10:00 a 14:00 horas.
LUGAR
Inicio en Linares Rivas 50, ás 10:00 horas.
Seguinte parada na Delegación de A Coruña do COAG, rúa Federico Tapia 64, ás 10:30 horas.
ORGANIZA
Asignatura de Análise de Formas Arquitectónicas da ETSAC, Departamento de Expresión Gráfica Arquitectónica (EGA), UDC.
COLABORAN
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
JASPE ART
IVAN RUS

