O mércores 15 de outubro, ás 17:30 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia e debate titulada: HABITAR EN COOPERATIVA: O FUTURO DA VIVENDA. Unha conferencia e debate cos colexiados/as e coa cidadanía, na que participarán, como relatores, o arquitecto Ramón Fernández Sánchez e a experta Carmen Pérez de la Cruz, membros respectivos das cooperativas de vivenda en cesión de uso denominadas: OUTRA FORMA DE VIVENDA e ALVARIZA.
Síntese
O acceso á vivenda atópase nunha das súas maiores crises: prezos disparados, inestabilidade no alugueiro e un mercado residencial disfuncional no que a vivenda se atopa reducida a un activo de investimento. Neste contexto de crise sistémica e esgotamento do modelo, as cooperativas de vivenda en cesión de uso ofrecen unha alternativa real que xa está movéndose en Galicia para axudar a garantir o dereito a unha vivenda digna a un prezo xusto.
A orixe do modelo das cooperativas de vivenda en cesión de uso sitúase en Dinamarca e Uruguai. Dentro do territorio español, Cataluña é a principal referencia deste modelo que permite protexer os fogares fronte ás dinámicas especulativas do mercado, reducir custos a medio e longo prazo e recuperar a vivenda como ben común, favorecendo, ademais, a creación de comunidades cohesionadas e, polo tanto, a cohesión social.
Nesta xornada presentaranse os proxectos de Outra Forma de Vivenda (A Coruña) e Alvariza (Santiago de Compostela). Representantes destas cooperativas, en particular o arquitecto Ramón Fernández Sánchez e a experta Carmen Pérez de la Cruz, explicarán o funcionamento do modelo de cesión de uso, darán a coñecer as súas propostas arquitectónicas, e informarán do estado dos seus proxectos e dos seus criterios de participación e deseño comunitario.
Esta charla será unha oportunidade extraordinaria para achegarse a un modelo alternativo fronte á propiedade privada que conta co potencial de mudar o sistema de acceso á vivenda. A xornada estará acompañada dun debate para que os colexiados/as e a cidadanía da Coruña poidan resolver as súas dúbidas sobre este modelo e sobre estes proxectos; un deles, o de Outra Forma de Vivenda, en pleno desenvolvemento na Coruña.
Ramón Fernández Sánchez, arquitecto, socio da cooperativa Outra Forma de Vivenda <https://outraformadevivenda.org/> e da cooperativa Hábitat Social <https://www.habitatsocial.coop/a-cooperativa/equipo/>.
Carmen Pérez de la Cruz, experta e socia da cooperativa Alvariza <https://alvarizacolab.gal/>.
DATA:
Mércores 15 de outubro de 2025– 17:30 horas
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
ORGANIZAN:
OUTRA FORMA DE VIVENDA
ALVARIZA
Delegación da Coruña do COAG
COLABORAN:
Asociación cultural Flor de Santiago
