Datas: 4 de setembro – 7 de xaneiro de 2025
O mércores 4 de setembro, ás 19:00 horas, inaugurouse a exposición Los Carteles de Felipe Peña na sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Esta mostra poderá visitarse en horario de apertura do COAG até o 7 de xaneiro de 2025.
Recentemente, e coincidindo coas celebracións do 50 aniversario da Escola de Arquitectura de A Coruña (ETSAC), publicouse un libro sobre os carteis que anunciaron as actividades culturais dende o curso 1980/1981 no que a ETSAC tivo edificio propio. Ese libro, editado por Luis Walter Muñoz Fontenla e titulado Actividades culturales a través de su propaganda. Los carteles de Felipe Peña, presentouse na ETSAC a finais de febreiro.
Unha selección dese material, formada por setenta carteis en formato orixinal, exporase na Delegación de A Coruña do Colexio de Arquitectos durante os meses de setembro e outubro de 2024. Unha montaxe expositiva que quere achegar á cidadanía todo este traballo, no que se amosa unha parte importante da historia da Escola de Arquitectura de A Coruña. Unha exposición creada con vocación de itinerancia polas principais cidades galegas para resaltar a influencia que tivo esta escola en toda Galicia.
O comisario da mostra resalta que «a actividade cultural no arranque da Escola de Arquitectura era moi intensa. Sacábase tempo dun calendario repleto de docencia a todas horas. En xeral as actividades complementarias ás clases celebrábanse os venres. A asistencia a estes eventos, que era masiva, supoñía unha excelente formación en paralelo. Os profesores convidados eran figuras de primeira fila da arquitectura e do mundo cultural. Hoxe, coa perspectiva do tempo, da vertixe contemplar este listado no que se atopan, entre outros: Aldo Rossi, Álvaro Siza, Enric Miralles, Felix Candela, Eladio Dieste ou Rafael Moneo».
«O arquitecto e profesor Felipe Peña Pereda foi o responsable da Comisión de Cultura da ETSAC durante os primeiros anos. E, dende ese cargo, encargouse do deseño dos carteis das actividades culturais que se organizaban cada curso. Deseños de urxencia elaborados con inmediatez, rápidos exercicios de composición. Deseños/collages nos que se mesturaban a letra debuxada, a letra mecanografada, os debuxos e as fotografías. Deseño funcional, máis propagandístico que publicitario».
«Un deseño gráfico intimamente relacionado co seu proceso de materialización e a súa reprodución na copiadora heliográfica. Copias por transparencia e por contacto. O papel vexetal como soporte dos orixinais, as plantillas de rotulación, a máquina de escribir, o traballo dos delineantes do seu estudio, o papel heliográfico para as reproducións, o revelado ao vapor de amoníaco; todo iso formaba parte do proceso».
«O formato dos carteis era sempre o mesmo, DIN A3 vertical. A proporción raíz de dous como dato de partida; aínda que Felipe é un namorado da proporción áurea. Os carteis de Felipe resultan composicións clásicas e vangardistas a un tempo. Baséanse, sobre todo, na regra dos terzos».
«A actitude coa que Felipe Peña debuxou e deseñou os carteis das actividades dunha escola de arquitectura nacente era, ademais dun exercicio de deseño ao que se sometía o profesor, outra forma de ensinanza. Unha forma de transmitir responsabilidade plástica por todo aquilo que se fai. Algo que ten dado os seus froitos, pois todos temos aprendido moito del. Pode dicirse que cos seus deseños Felipe era, nesa época da Escola, o Cassandre do París de finais dos anos 20 do século XX».
«Con ese espírito tense deseñado e construído a exposición Los carteles de Felipe Peña, e elaborado tamén todo o material que forma parte dela».
Felipe Peña Pereda
Nace en Madrid en 1944, a súa familia procede da comarca das Merindades no Norte de Burgos.
Estuda arquitectura e urbanismo en Madrid (ETSAM), Nancy (CEU) e Paris (CRU, Sorbona, EPHE). Debuxa constantemente, primeiro eran os trazos que pensaban arquitecturas que logo había que construír, e logo de maneira compulsiva e desordenada fabula cos seus recordos para elaborar unhas imaxes que acaban parecéndose vagamente á cidades que frecuenta: A Coruña, Madrid, Clermont Ferrand, Erevan, Regensburg, Villarcayo, Donosti, etc.
Ten presidido, en distintas etapas, as Comisiones de Cultura da Escola de Arquitectura da Coruña e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. É membro de número da Real Academia Galega de Belas Artes. Dende a súa titulación, ten desenvolvido unha intensa actividade profesional no ámbito público e privado, en Galicia e en Madrid. Gran parte destes proxectos, de arquitectura e urbanismo, son froito de concursos. Investiga sobre o Debuxo de Álvaro Siza e o papel desta disciplina na ensinanza do proxecto nas escolas. Ten sido Profesor Titular de Proxectos Arquitectónicos da Escola de Arquitectura da Coruña até 2015. Forma parte da Unidade de Investigación pARQc (Paisaxe, Arquitectura e Cidade) da UDC.
Luis Walter Muñoz Fontenla
A Coruña, 1961. Fillo de nai galega e padre extremeño. Viviu a súa infancia e xuventude en Madrid.
É arquitecto pola Escola de Arquitectura de Galicia. Estudante perpetuo. Ten realizado cursos de mestría nas Universidades de A Coruña e Politécnica de Madrid. O seu PFC e a súa tese de doutoramento foron tutelada e dirixida por Manuel Gallego.
Profesor da ETSAC, na actualidade de Proxectos Arquitectónicos e anteriormente de Construción. Participa en cursos de mestría e colabora en programas internacionais. Coordina a Unidade de Investigación pARQc (paisaxe, arquitectura e cidade), cargo no que sucedeu a Felipe Peña en 2016.
Compaxina a docencia e a investigación coa súa carreira profesional que iniciou en 1991. Entre 1994 e 2003 ten estado vinculado ao Instituto Tecnolóxico de Galicia como director, conselleiro e membro do Patronato. Dende 2003 a 2012 ten sido o responsable de proxectos do grupo Fontenla.
Co-fundador de DATOCHI S.L. Diversificación de Actividades Técnicas, Obras y Construcciones Hacia la Innovación. Co-fundador da Editorial Labirinto de Paixóns S.L. Especializada na publicación de obras de Arquitectura e Arte.
DATA DE INAUGURACIÓN:
Mércores 4 de setembro de 2023 – 19:00 horas
HORARIO:
A exposición poderá visitarse en horario de apertura do COAG até o 7 de xaneiro de 2025.
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
PROMOVEN:
Unidade de investigación pARQc / Editorial Labirinto de Paixóns / COAG A Coruña
ORGANIZA:
Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
COMISARIADO:
Luis Walter Muñoz Fontenla
DESEÑO, MONTAXE E PRODUCIÓN:
Deseño, construción, montaxe… e o que faga falta: Luís Muñoz e Benito Freire
COLABORAN:
LANA S. Coop.
Asociación cultural Flor de Santiago