Conferencia Manuel Bugallo Otero – “As paisaxes invisibles: diálogos no territorio”

12 Feb 2024

O mércores 21 de febreiro, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia “As paisaxes invisibles: diálogos no territorio”. Impartida polo noso compañeiro arquitecto Manuel Bugallo Otero, integrante do equipo multidisciplinar BUO ESTUDIO Arquitectura & Paisaxe, con sedes en Vigo e Cidade de México.

Esta conferencia ofreceranos unha aproximación, mediante o mapeo, á construción social da paisaxe, unha visión a través dos saberes populares e da propia percepción dos habitantes de varias áreas de Galicia nas que este estudio está desenvolvendo a súa experiencia profesional.

O mapeo visto como unha práctica, unha acción de reflexión na cal o mapa é só unha das ferramentas que facilitan a abordaxe e a problematización dos territorios sociais, subxectivos e xeográficos. Como un medio para o impulso da participación colectiva, a socialización e intercambio de saberes populares, o traballo con persoas descoñecidas, a disputa de espazos hexemónicos, ou a visualización das resistencias, entre outros aspectos.

A percepción da paisaxe pode ser máis ou menos consciente pero sempre implica emocións, estando estas determinadas pola composición da matriz paisaxística e, en especial, polas narrativas que (re)constrúen significados sociais colectivos. Esta significación social debería ser atendida sempre nos procesos de planificación territorial, debido á súa contribución á calidade de vida dos habitantes.

©BUO ESTUDIO

Síntese

A paisaxe constitúese pola suma dunha base bioxeográfica e unha interacción cultural. A relación, dinámica, entre o ser humano e o territorio orixina o concepto de paisaxe.

A valoración da paisaxe debe realizarse sempre atendendo ao seu carácter integral e multifuncional, dando relevancia tanto os aspectos tanxibles como os intanxibles. Estes aspectos intanxibles enriquecen e dificultan a súa interpretación: hai tantas paisaxes como persoas e situacións.

Pola súa condición de territorio percibido, cada paisaxe muda en función do observador. Nesa interacción inflúen as circunstancias persoais e os condicionantes externos. Así, cada escena paisaxística é única polo que podemos falar de paisaxe(s) conformadas por micropaisaxes. A suma desas interpretacións individuais xera un marco colectivo, un ben común que denominamos xenericamente paisaxe.

A interacción máis directa coa paisaxe é a das paisaxes cotiás, a que xorde da relación de cada suxeito co territorio próximo. A importancia destas paisaxes radica na forma en que (re)constrúen significados sociais colectivos, necesarios para manter a nosa esencia como comunidade. Nun gran número de ocasións, esta realidade territorial non é idílica, incluíndo as paisaxes á marxe, atendendo tamén ao efémero, ou ás paisaxes invisibles, aquelas non evidentes en canto a valores, pero que, nunha visión profunda, revelan funcións ambientais, culturais ou simbólicas.

A paisaxe vívese.

©Adrián Porima

Manuel Bugallo Otero

Arquitecto pola Universidade Iberoamericana da Cidade de México e pola ETSAM, mediante proba de conxunto. Máster en Xardinería e Paisaxismo pola ETSIA, Máster en renovación urbana e rehabilitación pola USC e Máster en Patoloxía e Restauración Arquitectónicas pola ETSAC. Exerce como arquitecto desde o ano 2002 traballando en diversos estudios até a fundación de BUO ESTUDIO no ano 2011.

Encabeza un equipo multidisciplinar que desenvolve as súas liñas de traballo baseándose nos principios da biofilia, realizando proxectos de deseño e investigación nos campos da arquitectura e o paisaxismo cunha clara vinculación co patrimonio cultural. Conta con artigos, publicacións, charlas e talleres en diversos medios de España, Portugal e México.

Gran parte do seu traballo céntrase na serra do Suído –a paisaxe herdada– sendo fundador do colectivo O Suído. Asemade, forma parte de Grupo de Estudos do Sur da Dorsal Galega, SDOGAL, que busca a valoración, protección e divulgación do patrimonio cultural desta zona de Galicia.

DATA:

Mércores 21 de febreiro 2024 – 19:00 horas

LUGAR:

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORAN:

Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir