Conferencia de Sinaldaba “Do marmurio ao berro”

20 Feb 2025

O mércores 26 de febreiro, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: Do marmurio ao berro que será impartida polos arquitectos Susana Vázquez e Ignacio Reigada, arquitectos e socios fundadores do estudio Sinaldaba. 

Síntese

Na situación actual de inmediatez, consumo rápido e deslocalización, que nos ten levado a vivir nun produto escenográfico, cremos necesario frear, reflexionar e ver en que casos o respecto e a tradición nos fan pasar no bico dos pés e en cales outros é necesario berrar rompendo o caos da contorna.

Na charla falaremos, a través das nosas vivencias destes anos, poñendo como exemplos varias obras nas que tratamos de quitar capas ou ben de poñelas; e falaremos tamén de como evitar no posible a seriación e os proxectos produto poñendo en valor o singular de cada actuación, independentemente da súa envergadura.

Estamos convencidos de que cada proxecto debe ser único, singular e xenuíno, buscando en cada caso ser un leve marmurio integrador ou un berro rompedor, ben no seu conxunto ou a través das súas partes.

Sinaldaba

Sinaldaba somos un estudio de arquitectura nacido no ano 2010 na Coruña, da man de Susana Vázquez Pérez e Ignacio Reigada Cordido, despois de ter finalizado os nosos estudos de arquitectura, máster e doutoramento na ETSAC e traballado e colaborado con diversos arquitectos.

Nestes anos, o noso traballo ten sido recoñecido con diversos galardóns, entre os que podemos destacar o premio COAG XX na categoría de interiorismo, sendo finalistas na mesma edición e seleccionados na categoría de rehabilitación; gañadores do premio APROIN 2021 de rehabilitación; finalistas nos premios de rehabilitación da Xunta de Galicia en 2023; e gañadores do World Luxury Hotel Awards 2022, entre outros; resultando premiados tamén en concursos nacionais e internacionais como o primeiro premio para a sede da CIDEA e, recentemente, na rehabilitación de San Andrés 88 para o IGVS.

Do mesmo xeito, numerosos medios de distintos países teñen publicado a nosa obra, ademais de formar parte de diferentes exposicións.

Máis información en: https://www.sinaldaba.es/

DATA:
Martes 26 de febreiro de 2025– 19:00 horas

LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir