O mércores 9 de xullo, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: Construír nas marxes que será impartida polos arquitectos Berta Peleteiro e Juan Seara, arquitectos titulados na Universidade da Coruña que se dedican principalmente á rehabilitación e á arquitectura residencial no rural de Galicia.
Síntese
«Tras 15 anos de exercicio profesional no rural dedicados a facer e rehabilitar vivenda, achegamos unha serie de reflexións e de obras que poñen en dúbida os relatos que condicionaron o xeito de abordar a Arquitectura de toda unha xeración, así como o enfoque da crise habitacional actual.
A través da nosa experiencia directa nun determinado contexto social, cultural e económico, abordamos a resignificación do oficio, reenmarcando problemáticas que habitualmente quedan nas marxes da diagnose oficial, condicionada en moitos casos por unha visión principalmente urbanita e desvinculada do feito material».
Seara Peleteiro Arquitectos
Seara Peleteiro Arquitectos é un estudio de arquitectura e deseño asentado en Allariz, dedicado principalmente á rehabilitación e á arquitectura residencial.
Ao fronte deste estudio atópanse Juan Seara Oro e Berta Peleteiro Varela, arquitectos titulados pola universidade da Coruña, con numerosos recoñecementos; como o premio COAG á rehabilitación, o premio AFAMOUR ou varios premios Gran de Area, sendo ademais finalistas do Premio Juana de Vega de Arquitectura, e dos premios COAG en repetidas ocasións, entre outros.
Ambos arquitectos participaron en conferencias no ámbito académico e como xurado en concursos de arquitectura e contan cunha ampla experiencia en playground e deseño de espazos públicos.
DATA:
Mércores 9 de xullo de 2025– 19:00 horas
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
COLABORAN:
Adegas Lagar do Vento
Asociación cultural Flor de Santiago