O mércores 17 de abril, ás 19:00 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia Entrar en materia, impartido polos nosos compañeiros arquitectos Juan Prieto e Faustino Patiño, recentemente galardoados coa Mención especial á sustentabilidade nos premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia.
©Héctor Santos-Díez.
Síntese
No complexo contexto da arquitectura actual, mediatizado polo virtual e dixital, no que a autenticidade da materia é habitualmente suplantada pola virtualidade da aparencia, parece necesario reivindicar a esencia material da arquitectura.
Na conferencia trataranse de relatar a transcendencia da concepción material na conformación dunha selección de proxectos recentes do estudio. Un traxecto por catro materialidades (aceiro, vidro, madeira e pedra) que construirán a paisaxe argumental da sesión. A experiencia do matérico situada na orixe da arquitectura e do proxecto, coas súas implicacións nos procesos construtivos, variables económicas, impactos paisaxísticos e sensoriais, así como simultáneamente alude a compromisos e valores que dan forma á arquitectura.
©Héctor Santos-Díez
Prieto Patiño
Prieto Patiño é o estudio conformado por Faustino Patiño e Juan Prieto dende o 2007, cando remataron os estudos de Arquitectura na Universidade da Coruña, labor que veñen compaxinando coa docencia na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo e na Universidade da Coruña respectivamente, e como profesores invitados na UNIVATES de Brasil, ENSACF de Francia, OTH Regensburg e NUACA de Ereván.
A súa obra foi recoñecida nos premios do Colexio de Arquitectos co premio Obra primeira na XIV edición, co premio de Reforma e Interiorismo na XVII edición e co premio na categoría de Equipamentos na XVIII edición. Nos premios de Arquitectura e Rehabilitación da Xunta de Galicia resultaron gañadores na categoría de Arquitectura no 2021 e recibiron a Mención especial á sustentabilidade no 2023. Premio GranDeArea nas edicións de 2008, 2014, 2016, 2017 e 2022. Finalistas do premio FAD no 2019, do VII Foro Arquia/Próxima no 2020 e Mención honorífica nos Young European Arquitects da 17 Biennale Architettura di Venecia no 2021.
DATA:
Mércores 17 de abril de 2024 – 19:00 horas
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago