O xoves 12 de xuño, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia de Juan Ignacio del Cueto Ruiz-Funes, que leva por título: «A arquitectura de Félix Candela: unha revisión dende a contemporaneidade». Esta conferencia está enmarcada na viaxe a Europa do académico e investigador mexicano, do que queremos destacar a intensa actividade editora, divulgadora e investigadora da obra do mestre mexicano Félix Candela (1910-1997).
Sinopse
Félix Candela sacudiu o ámbito da arquitectura coas estruturas laminares de formigón armado, coñecidas popularmente como “cascaróns”, que construíu en México nas décadas de 1950 e 1960 aplicando unha tecnoloxía de orixe europea que acadou, en solo americano, un desenvolvemento inusitado. Coa súa obra, abriu novos camiños no deseño estrutural ao empregar con gran virtuosismo o paraboloide hiperbólico, aproveitando ao máximo ás súas vantaxes estruturais, construtivas e expresivas.
Esta conferencia pretende revalorizar a súa obra e destacar a capacidade creativa deste xenio do deseño estrutural, analizando as súas aportacións dende unha perspectiva actual e presentando o rescate recente da súa obra emblemática: o restaurante Los Manantiales de Xochimilco.
Juan Ignacio del Cueto Ruiz-Funes
Arquitecto pola Facultade de Arquitectura da Universidad Nacional Autónoma de México (FA-UNAM, 1986) e Doutor Arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona (ETSAB-UPC, 1996). A súa tese de doutoramento “Arquitectos españoles exiliados en México” obtivo o Premio Extraordinario de Doutoramento da Universidad Politécnica de Cataluña.
Académico con máis de 30 anos de traxectoria na FA-UNAM, onde foi editor fundador da revista Bitácora Arquitectura (1999-2004), coordinador do Taller Max Cetto (2000-2005) e do Centro de Investigaciones en Arquitectura, Urbanismo y Paisaje (CIAUP, 2014-2019), así como director da Facultade no período 2021-2025.
É membro do Sistema Nacional de Investigadores e de DOCOMOMO-México, Premio Juan O’Gorman ao Mérito Profesional por Investigación (CAM-SAM 2011) e Académico Emérito da Academia Nacional de Arquitectura.
Curador das exposicións “Félix Candela 1910-2010” (presentada entre 2010 e 2012 en Valencia, Badaxoz, Cidade de México e New York), “Cascarones de Candela / Candela’s Shells” (exhibida dende 2012 en varias sedes de México, Guatemala e Estados Unidos), “Presencia del exilio español en la arquitectura mexicana” (inaugurada no Palacio de Bellas Artes en 2014 e presentada en varias sedes mexicanas) e “Félix Candela. Function, form and elegance of concrete shells”, inaugurada en Suiza en 2024 e presentada en París e Bucarest durante a súa actual xira europea.
Os seus libros Félix Candela 1910-2010 (2010), Guía Candela (2013) e Arquitectos españoles exiliados en México (2014) foron finalistas en tres Bienales Iberoamericanas de Arquitectura e Urbanismo. É editor e coautor de Candela, Isler, Müther. Positions on Shell Construction (Suiza, 2020) e La estela de Félix Candela. Cascarones de concreto armado en México y el mundo (2021).
Coordinador do grupo “Rescate Manantiales” que, tras o sismo de 2017, impulsou a restauración do famoso cascarón de Félix Candela na zona lacustre de Xochimilco, ao sur da Cidade de México.
DATA
Xoves 12 de xuño de 2025 – 19:00 horas
LUGAR
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
ORGANIZA
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
COLABORAN
Asociación cultural Flor de Santiago
Lagar do vento