Conferencia de Francesco Careri “Andar, deterse, hospedar/se”

15 Set 2023

O venres 22 de setembro, ás 19:00 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia Andar, deterse, hospedar/se que será impartida polo arquitecto e investigador italiano Francesco Careri, profesor de Urbanismo no Dipartimento di Architettura de la Università degli Studi Roma Tre e autor do coñecido libro Walkscapes, Gustavo Gili, 2002. Unha obra que sentou as bases da comprensión do andar como práctica estética e dunha serie de procesos de exploración e construción de coñecemento, centrados na experimentación co espazo, que resultan de gran utilidade para a comprensión da paisaxe, da cidade e do territorio.

Esta conferencia permitiranos coñecer as chaves esenciais das últimas investigacións desenvolvidas por Francesco Careri no ámbito da Paisaxe e celebrar o lanzamento recente do seu novo libro: Hospedar/se (Puente Editores: Barcelona, 2023).

A charla é posible grazas á colaboración do profesor Federico López Silvestre e á participación de Francesco Careri no Seminario Internacional Comunidades y Periferias, unha das actividades do proxecto nacional Deparq –liderado polo grupo de investigación HAAYDU da USC– que vai ter lugar entre o 19 e o 22 de setembro de 2023 en A Fonsagrada, Lugo

(+ info: <http://www.deparq.info/index.php/eventos/comunidades-y-periferias/)

Francesco Careri Hospedar/se

©Hospedar/se, Puente Editores, Barcelona 2023

Síntese

A conferencia estará centrada na liña de investigación de Francesco Careri no libro Hospedar/se —que segue a un primeiro manifesto- investigación, Walkscapes. El andar como práctica estética, e a unha colección de artigos, Pasear, deterse— sendo un relato autobiográfico de momentos e situacións, ás veces verdadeiras epifanías, nas que se lle revelaron algunhas relacións importantes entre o nomadismo, a arquitectura e a hospitalidade. Consta de experiencias directas e accións artísticas que, descritas brevemente e acompañadas dunha imaxe, van seguidas de dous textos curtos, un sobre a hospitalidade e outro sobre un proxecto en curso.

Despois de anos de falar sobre o andar como práctica estética, Francesco Careri aborda aquí os espazos da hospitalidade como complemento a un estar no mundo. Esta obra é tamén unha proposta para a refundación hospitalaria das nosas cidades, para construir sobre as ruínas do contemporáneo uns lugares concretos destinados a persoas reais, lugares de paso e de encontro para xentes diversas, lugares de recreación e narración de contos, de intercambio entre anfitrións e hóspedes, como nas hospederías e nos caravasares doutras épocas.

Francesco Careri
Profesor de Urbanismo no Dipartimento di Architettura de la Università degli Studi Roma Tre. O seu libro Walkscapes, editado con Gustavo Gili en 2002, supuxo unha nova mirada sobre a paisaxe, sentando as bases para a comprensión do andar como práctica estética. Tendo como referentes ao Land Art e ao Situacionismo, Careri e o grupo Stalker (ao que pertence dende mediados dos anos 90), teñen realizado numerosas publicacións, conferencias e sobre todo caminatas por diferentes partes do mundo para recoñecer o territorio dende novas miradas. Errar pola paisaxe menos recoñecida, subir muros, atravesar valados, tropezar, cortarse… convértense nas ferramentas coas que, a través do propio corpo, experimentar unha realidade, a urbana, que non pode ser asimilada por medio de libros e teorías. A través do seu Laboratorio de Artes Cívicas, propón xunto aos seus alumnos esta maneira libre e desprexuizada de ler e entender as cidades, onde aínda queda moito por decir1.

DATA:
Venres 22 de setembro 2023 – 19:00 horas

LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORAN:
Asociación cultural Flor de Santiago
Viñedo Lagar do Vento


Nota 1: liñas curriculares de Francesco Careri extraídas dun artigo do investigador David Arredondo Garrido, que pode consultarse aquí: <https://www.researchgate.net/publication/330289145_Entrevista_a_Francesco_Careri>

Compartir