O mércores 28 de outubro, ás 20:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: on-off que será impartida polo arquitecto Antón García-Abril.
«Antón García-Abril é fundador e director, xunto a Débora Mesa, de Ensamble Studio, un equipo multidisciplinar fundado no ano 2000. Situado na encrucillada entre a arte e a ciencia, o estudio desenvolve tipoloxías, tecnoloxías e metodoloxías innovadoras para construír arquitectura, espazos urbanos e paisaxes. O estudio funciona como un laboratorio de investigación e creación de prototipos, onde se redefinen constantemente os límites entre a arquitectura, a arte e a tecnoloxía. Desde as súas primeiras obras —a sede da SGAE, en Galicia, a Casa Hemeroscopium, en Madrid, ou «A Trufa» en Galicia— até as máis recentes, incluídos os seus propios espazos de traballo —Ensamble Fabrica en Madrid e Can Terra en Menorca, España—, cada proxecto crea deliberadamente un espazo para a experimentación, abordando o deseño e a construción como procesos inseparables destinados a facer avanzar a disciplina. Actualmente, a través da súa startup WoHo, o estudio céntrase en elevar a calidade da arquitectura ao tempo que a fai máis asequible e respectuosa co medio ambiente, integrando lóxicas industrializadas con intelixencia artesanal e procesos de fabricación coidadosamente deseñados».
Currículo
Antón García-Abril, (Madrid, 1969) é Doutor Arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid (ETSAM-UPM) e Catedrático na Escola de Arquitectura do Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) dende 2012.
Recibiu o Premio de Investigación da Academia Española en Roma en 1996, estableceu Ensamble Studio en 2000 e cofundou WoHo en 2020. Ten dedicado a súa carreira a innovar tipoloxías, tecnoloxías e metodoloxías, avanzando nos campos da arquitectura e a construción a través de obras recoñecidas internacionalmente. Xunto á súa socia Debora Mesa, ten redefinido progresivamente o papel do arquitecto, engadindo ás súas competencias de deseño as do promotor, o contratista, o fabricante e o inventor.
O traballo de Ensamble Studio ten sido amplamente difundido tanto en medios impresos como dixitais, tense exposto a nivel internacional e ten sido recoñecido con importantes premios, entre os que destacan, máis recentemente, o Premio á Excelencia no Deseño ACADIA 2025 e o Premio de Arquitectura 2022 da Academia Americana das Artes y las Letras, que recoñecen a contribución innovadora do estudio ao sector.
Máis alá da práctica profesional, Antón e Débora están profundamente comprometidos co intercambio de coñecementos entre o mundo académico e a práctica a través da docencia, as conferencias e a investigación. Teñen sido profesores invitados e relatores en numerosas universidades e foros de arquitectura de todo o mundo. Actualmente, ela é profesora de Arquitectura, Arte e Tecnoloxía na ETH de Zúrich, e el é profesor de Arquitectura no MIT de Cambridge, onde xuntos fundaron o POPlab —Laboratorio de Prototipos de Prefabricación— en 2012.
Sobre o seu traballo pode atoparse máis información en: <https://www.ensamble.info/> de onde se ten extraído esta información.
DATA
Mércores 28 de outubro de 2026– 20:00 horas
LUGAR
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
ORGANIZA
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
COLABORA
Asociación cultural Flor de Santiago
