Ciclo de conferencias Believers! 3.0 – Corrección de erros

8 xuñ 2023

Detectados erros no horario das charlas do 14 de xuño e no lugar de celebración do 15 de xuño, procédese a informar dos datos correctos.
Despois do éxito das anteriores convocatorias, o mércores 14 de xuño chega á Delegación de A Coruña do COAG a terceira edición de Believers.  Believers! 3.0 Quere ser unha mirada a esa xeración de arquitectos/as que cren na disciplina revisitada e que aínda militan na capacidade da arquitectura como elemento transformador. En dúas xornadas desenvolveranse unha serie de conferencias con diferentes profesionais que, dende a súa experiencia, van relatar a persistencia do arquitecto, en tanto que actor social.

14 de xuño
Delegación de A Coruña do COAG

  • 16:00
    Peris+Toral
  • 17:00
    Creus e Carrasco
  • 18:00
    Pau Vidal
  • 19:00
    Fernando Blanco
  • 19:30
    Mesa Redonda. Modera Alberto Alonso Oro
15 de xuño
Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (salón de actos)
  • 10:00
    Trespes
  • 11:00
    Carles Enrich
  • 12:00
    Estar
  • 13:00
    MARXE
  • 13:30
    Mesa Redonda. Modera Alberto Alonso Oro
Organizan
Emilio Rodríguez Blanco
Juan ignacio Prieto López
Cristóbal Crespo González
Unidade de investigación pARQc paisaxe arquitectura e cidade

Financian
Universidade da Coruña, UDC, Unidade de investigación pARQc, ETSAC e Delegación de A Coruña do COAG
Patrocinadores
Agradecemos o apoio amosado polas seguintes institucións e empresas que colaboran neste ciclo: a Asociación cultural Flor de Santiago e viñedo Lagar do Vento.
Acceso presencial
Esta actividade é de libre acceso para colexiados/as e estudantes de arquitectura.
Acceso online
Posteriormente todos os vídeos deste ciclo permanecerán accesibles nas redes do COAG.

Peris +Toral. PERIS+TORAL ARQUITECTES, dende a súa oficina en Barcelona, centran o seu enfoque en explorar novas formas de vivir e construír para abordar os desafíos derivados das emerxencias climática e habitacional. Ambos combinan a súa práctica profesional coa docencia como profesores de proxectos na ETSAB (Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona), onde estudaron. No ámbito académico, Marta Peris presentou a súa tese de doutoramento “La casa japonesa a través del cine de Yasujiro Ozu”, 2016, que foi publicada baixo o título “La casa de Ozu” en 2019.

Entre os recoñecementos internacionais do seu traballo atópanse no 2022 o Honor Award WOOD DESIGN & BUILDING Award; Best Multi-family Housing of the year Future House Awards; European Architecture Award MATILDE BAFFA UGO RIVOLTA; o Gold Label Best Architects 22; o ARCHITECTURE MASTERPRIZE AMP, na categoría residencial; o THE PLAN AWARD na categoría de Vivenda Social; o BLT Built Design Awards na categoría de Vivenda Social; o LIVE CHALLENGE AWARD de BAUMIT; e foron finalistas para o Premio MIES VAN DER ROHE 2022. A nivel nacional, contan co Premio de Arquitectura Española CSCAE 2022; o Premio de Arquitectura e Urbanismo BEAU 2021; o Premio FAD de Opinión 2021; o Premio de Arquitectura Sostible MAPEI; o XV Premio de Arquitectura e Construcción NAN; o Premio A+ de DAIKIN; o Premio EMPORIA de Arquitectura Efémera 2017; o Premio de Arquitectura Galvanizada ATEG 2016 e o Premio EXAEQUO CATALUNYA CONSTRUCCIÓ 2021 á Innovación en Construción.

Creus e Carrasco. Juan Creus Andrade (Cee- A Coruña- 1966). ETSAC 1992. Premio Extraordinario. Doutor Arquitecto. Profesor ETSA e EICCP A Coruña dende 1996, Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo UDC. Membro da Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega dende xaneiro de 2007. Codirector da revista O Monografías.

Covadonga Carrasco López (Ribadeo, Lugo- 1965). ETSAC 1993. Premio Isover Fin de Carreira. Membro da Aula de Rehabilitación do Casco Histórico de Santiago de Compostela, 1997. Ambos son membros fundadores do colectivo “O Cerne da Deboura” implicado na realización de estudos para a recuperación do patrimonio abandonado (1988-1993). Editan RESINA (REvista de los Seres sIN Arquitectura) a través da súa páxina web e en formato caixa de fichas.

Pau Vidal (Barcelona 1977), Arquitecto pola Escola Tècnica Superior d’Arquitectura de Barcelona e pola École Nationale Supérieure d’Architecture de Versailles. A partir de 2003 ven desenvolvendo o seu propio traballo baixo distintas asociacións e ten sido profesor de Traballos Fin de Grado en BAU, Centro Universitario de Deseño de Barcelona.

A trayectoria do seu estudio está centrada principalmente en torno á vivenda social e os seus compromisos (políticos, económicos, estéticos e ambientais), explorando as friccións e potencialidades entre o individual o colectivo.

O seu traballo ten sido publicado e exposto en distintas ocasións, como na Biennale di Venezia ou na Accademia di architettura di Mendrisio e ten recibido diversos premios e mencións, entre eles o Premi Ciutat de Barcelona 2011 d’Arquitectura i Urbanisme.

Fernando Blanco Guerra. Arquitecto pola E.T.S de Arquitectura de Barcelona. A súa actividade ten abarcado a vivenda rural e colectiva, así como obras públicas e privadas. Ten levado a cabo numerosas exposicións individuais e colectivas dentro do desenvolvemento da súa actividade artística como escultor, pintor e deseñador, tanto de mobiliario como de deseño industrial e urbano. Profesor na E.T.S de Arquitectura na área de Proxectos Arquitectónicos. Ten participado en actividades docentes a nivel internacional en Latinoamérica e Portugal.

Trespes é un estudo fundado en 2005 por Alberte Pérez, Enrique Iglesias e Carlos Mosquera, un equipo de arquitectos que entende a profesión de forma transversal, dende o estrito oficio de arquitecto até o activismo cultural, pasando pola divulgación e investigación.

A súa obra ten sido publicada, exposta e premiada en numerosas ocasións entre outras: Finalistas V premios de Arquitectura Ascensores Enor, Premio Aplus de Arquitectura na categoría de Arquitecturas efémeras coa obra “Instalación Efémera para un Área de Compostaxe” (A Coruña), Finalista dos XV Premios COAG de Arquitectura na categoría de Divulgación e Investigación co Programa Cultural da Librería Formatos, IMTENCION, Premio Gran de Area coa obra Espazo Lusquiños para a Mocidade (Ourense), Finalista dos XVII Premios COAG de Arquitectura na categoría de Arquitectura de Baixo custe coa obra Vestiarios para campo de fútbol en Vilar de Astrés (Ourense), Selección para a Bienal de Venecia, no Pavillón de España coa obra piscina privada en Maceda (Ourense), Finalistas VII Premios de Arquitectura Ascensores ENOR, Finalistas I Premios Lledó de Arquitectura, Accésit Premios Juana de Vega, Finalistas Premios COAG XVIII na categoría de Rehabilitación, Segundo Premio. Mellores proxectos en Madeira 2022. AITIM + ASA, Seleccionado. Premios Teja 2019-2021. Hispalyt, Seleccionado. Mellores proxectos en Madeira 2023. AITIM + ASA.

Carles Enrich. A inquedanza de Carles Enrich –arquitecto pola ETSAB en 2005– cara unha arquitectura entendida como unha superposición de capas arraigada na paisaxe, lévalle a dar forma á súa vocación investigadora a través da docencia; sendo profesor asociado de Proxectos na ETSAB dende o 2016. Entre 2008 e 2017 foi profesor de Proxectos e Urbanismo na Escola Tècnica d’Arquitectura de Reus e no 2015 profesor de Proxectos na ETSAV. Asemade, ten sido visiting professor no workshop Extralocal organizado pola Columbia GSAPP en 2019, ten colaborado en másteres internacionais como o BIARCH en 2012, ou o máster de Restauración da UPC en 2014 e ten dirixido o Taller Vertical da UIC Barcelona School of Architecture en 2018. O obxectivo de Carles Enrich de crear coñecemento baseado na práctica lévalle a fundar Carles Enrich Studio no 2013 onde desenvolve proxectos que abarcan todo o territorio habitable, dende o ámbito doméstico até a paisaxe. A calidade e o rigor da súa obra construída está avalada polas nominacións consecutivas ao EU Mies Award 2017, 2019 e o Debut Award da Triennale de Lisboa en 2016; os Premios da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo en 2016 e 2018, o Premio FAD da Opinión en 2016 ou os Premios AJAC en 2012, 2016 e 2018. Así como polas súas participacións na Bienal de Arquitectura de Venecia: en 2012 participou na exposición “Context” de “Vogadors” no pavillón catalán; e no 2016 formou parte da exposición “Unfinished” coa que o pavillón español foi galardoado co León de Oro da mostra.

Estar é un estudio de arquitectura, paisaxe e deseño, fundado por Aurora Armental Ruiz e Stefano Ciurlo Walker, especializado en traballos delicados para edificios, cidades e territorios de valor histórico e cultural, que parten da observación delicada das cualidades físicas do lugar. Buscan claridade, precisión e beleza, explorando a construción, a sostibilidade e materialidade das propostas con métodos manuais e directos, con proxectos recentes en Xenebra, Santiago de Compostela e Guimarães. Aurora e Stefano teñen sido docentes en Escolas de Arquitectura de Londres e Aarhus y teñen impartido conferencias e talleres en múltiples universidades e institucións europeas.

MARXE é un taller de arquitectura e territorio dedicado á elaboración e execución de proxectos para a mellora do hábitat dende a posta en valor do patrimonio cultural e natural. MARXE nace en Galicia no ano 2023 como evolución da experiencia previa en Bivaque, un taller itinerante de arquitectura e urbanismo que principalmente desenvolveu proxectos en Europa e Latinoamérica, sendo recoñecido en máis dunha decena de concursos nacionais e internacionais.

Forman parte de MARXE Natalia Alvaredo (Arquitecta pola ETSAC e Máster en Teledetección e SIG pola UAB) e Javier Rocamonde (Arquitecto pola ETSAC e Doutor en Urbanismo pola ETSAB), así como unha ampla rede de colaboradoras que conforman equipos transdisciplinares adaptados á natureza de cada proxecto.

Moderan:

Alberto Alonso Oro. Arquitecto que, ademais de exercer a profesión libre, é unha referencia da divulgación en España (@AAlonsoOro), sendo editor en veredes, arquitectura e divulgación (@veredes). En 2019, lanza: VAD. veredes, arquitectura y divulgación, unha revista científica internacional de periodicidade semestral e formato dixital e físico que pretende ser unha canle de difusión de traballos e reflexións centradas na cultura, a teoría e o proxecto de arquitectura.

Organizan:

Emilio Rodríguez Blanco. Arquitecto pola ETSA de A Coruña (1999). Erasmus na TU Graz e ILAUD no IUAV Venecia. Ten colaborado entre outros con Coop-Himmelblau, ACXT Idom, ou Irisarri-Piñera. Profesor de proxectos na ETSA de A Coruña. Profesor visitante na Fakultät Architektur OTH Regensburg e convidado no Harbin Institute of Technology, Inner Mongolia University of Technology, así como no ENSA Clermont Ferrand. Compaxina o labor docente co profesional, tendo recibido diversos recoñecementos, entre outros: Seleccionado Premios Enor de Arquitectura; Premio COAG de arquitectura categoría equipamento; Mención Premio de arquitectura de Galicia; Premio COAG de arquitectura, categoría rehabilitación; Premio Juana de Vega de Paisaxe. Membro da unidade de investigación pARQc (Paisaxe, Arquitectura e Cidade).

 

Juan Ignacio Prieto López. Vilalba (Lugo), 1981. Arquitecto pola Universidade da Coruña (2007). Doutor en 2013 coa tese titulada «Teatro Total: la arquitectura teatral de la vanguardia europea en el período de entreguerras». Profesor de Proxectos no Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña dende 2008. Profesor convidado na Ecole Nationale Supérieure d´Architecture de Clermont-Ferrand (2009-2017), na Ostbayerische Technische Hochschule Regensburg (2008-2018) e no Máster de Arquitectura da Paisaxe da Fundación Juana de Vega, a Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago. Membro da unidade de investigación pARQc (Paisaxe, Arquitectura e Cidade) e do «Observatorio de Espacios Escénicos». Arquitecto colexiado con obra premiada e publicada no ámbito nacional.

 

Cristobal Crespo Gonzalez. Arquitecto. E.T.S. de Arquitectura de A Coruña. Diploma de Postgrado “Arquitecturas para escalas complejas”. Universidad Pompeu Fabra, Barcelona, 1994. Actualmente profesor na Área de Proxectos da E.T.S. de Arquitectura de A Coruña e no Máster de Xardinería e Paisaxe da Fundación Juana de Vega, Universidade da Coruña e Universidade de Santiago de Compostela, dende o ano 2009. Tamén ten desenvolvido a súa actividade docente no Máster Universitario en Arquitectura Sanitaria e Asistencial da Universidade de A Coruña, 2011 – 2013, no Máster de Urbanística e Orientación do Territorio da Universidade da Coruña, 2008 – 2010, e en diversos programas internacionais, como o International Laboratory of Architecture and Urban Design (ILAUD) de Venecia, agosto de 1999, ou o Programa INTERCAMPUS España / América Latina 1995, asignatura: “Introduçao á restauração arquitetonica” na Universidade Do Vale Do Rio Dos Sinos, Sao Leopoldo, Porto Alegre, Brasil, agosto-setembro de 1995.

Compartir