ALTURA DE MIRAS. Debate sobre os modelos de cidade

3 Out 2024

O venres 11 de outubro, ás 19:00 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a Xornada de debate ALTURA DE MIRAS, á que están convidados os seguintes arquitectos: Teresa Táboas Veleiro, Vicepresidenta da Unión Internacional de Arquitectos (UIA) e da Fundación Juana de Vega; Sonia Puente Landázuri, Coordinadora xeral de Urbanismo e Espazo público do concello de Getafe; Luciano González Alfaya, Decano do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e Jesús Conde García, Profesor do Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña (UDC).

O obxectivo desta Xornada, enmarcada na Semana da Arquitectura, é comprender os procesos urbanísticos actuais que están operando na cidade da Coruña, entre eles: a verticalización –a través da aposta polas torres–, a densificación, a turistificación, a marketinización e/ ou o branding urbano. Procesos que conlevan transformacións dos espazos e da trama urbana, cambios nos modos de vida da poboación e, tamén, nalgúns casos, expulsións de residentes. Trátase de coñecer e discutir sobre os procesos que operan na cidade global da Coruña, entendendo por cidade global a definición da socióloga, escritora e profesora neerlandesa Saskia Sassen (1947). Uns procesos nos que os actores que producen a cidade xa non son os actores locais habituais nin a banca tradicional, senón, en grande medida, o capital das altas finanzas globais.

E trátase tamén de confrontar distintos modelos de produción de cidade, así como de debatir sobre os mellores modelos urbanos para responder ás necesidades reais da poboación, aos retos ecosociais do presente e á crise climática.

 

DATA:

Venres 11 de outubro 2024 – 19:00 horas

 

LUGAR:

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

 

COLABORA:

Asociación cultural Flor de Santiago

 

Compartir