LER COMPOSTELA. A cidade como palimpsesto

30 Out 2026

Compostela é unha cidade composta. A súa arquitectura, as súas rúas, os seus espazos e as súas relacións co territorio conservan as pegadas de sucesivas transformacións históricas.

Coma un palimpsesto, a cidade foi escrita e reescrita ao longo do tempo. Porén, as novas construcións non sempre borraron as anteriores. Baixo a forma urbana actual permanecen trazados, xeometrías e relacións espaciais que poden axudarnos a comprender a súa orixe e evolución.

Durante máis de vinte anos, o arquitecto Carlos Sánchez-Montaña desenvolveu unha liña de investigación denominada Arqueografía Urbana, que propón interpretar estas permanencias cos instrumentos propios da arquitectura, a cartografía, a xeometría e a investigación histórica.

A conferencia presenta esta metodoloxía e algunhas das súas aplicacións ao estudo da cidade, desde os seus posibles antecedentes antigos ata a súa configuración contemporánea.

Un convite a mirar Compostela doutro xeito, a recoñecer as relacións que permanecen na súa forma e a reivindicar o papel do arquitecto como intérprete e divulgador da cidade.

Porque o composto debe ser lido para ser comprendido.

Martes 10 de novembro de 2026
19:00 H

COLEXIO OFICIAL DE ARQUITECTOS DE GALICIA
Sala baixo cuberta · Praza da Quintana, 1 · Santiago de Compostela

Presenta
Xosé Allegue
Doutor arquitecto urbanista
Conferencia
Carlos Sánchez-Montaña
Arquitecto · Arqueografía Urbana

Entrada libre ata completar o aforo. Inscrición nesta [+ligazón]
Esta xornada forma parte das actividades apoiadas polas axudas culturais do COAG.

Sobre o relator: Carlos Sánchez-Montaña López é arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona, na especialidade de Proxectos, Historia e Urbanismo. Entre 2003 e 2005 realizou estudos de doutoramento na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña. Desde hai máis de vinte anos desenvolve a Arqueografía Urbana, unha metodoloxía propia para ler a forma da cidade histórica.

Compartir