O COAG activa un novo servizo de asesoramento especializado no eido da Pizarra, que será atendido directamente polo persoal técnico da Asociación Clúster da Pizarra grazas ao convenio de colaboración asinado entre ambas as institucións.
A iniciativa nace coa motivación de perfeccionar a práctica profesional dos arquitectos galegos e mellorar a formación e información técnica dispoñible no sector da edificación. A través desta alianza, ambas entidades unen forzas para promover criterios de calidade, innovación e sustentabilidade no emprego da pizarra nos proxectos arquitectónicos, achegando tamén un maior coñecemento e difusión deste material estratéxico á sociedade galega.
O servizo funcionará como unha canle directa de apoio profesional, consistirá nun asesoramento experto e independente en pizarra, prestando asesoramento técnico directo ao proxecto mediante a resolución de consultas, o apoio a memorias e pregos, a validación orientadora de solucións construtivas e a provisión de documentación técnica e criterios normativos e ambientais.
As achegas do Clúster formúlanse con criterio técnico contrastado e aliñado coa normativa vixente, e están concibidas para apoiar e facilitar a toma de decisións do proxectista nos procesos de prescrición e xustificación técnica.
O servizo ten carácter orientador e non vinculante, non substitúe o labor profesional do arquitecto nin asume funcións de redacción de proxecto, dirección facultativa, cálculo ou control de obra, correspondendo ao proxectista a decisión final e a adecuación das solucións ao caso concreto.
As consultas pódense facer no lugar habitual, no [panel de consultas].
