O mércores 17 de xuño, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia: Xeración inquilina. Un novo paradigma de vivenda para acabar coa desigualdade que será impartida polo doutor en socioloxía e investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Javier Gil, membro do Grupo de Estudios Críticos Urbanos (GECU) da UNED e referencia imprescindible en España no estudo da problemática da vivenda.
Síntese
Generación inquilina. Un nuevo paradigma de vivienda para acabar con la desigualdad é unha obra que condensa anos de investigación científica sobre o problema da vivenda no noso país. «Un libro que xera esperanza ante un dos maiores retos do noso tempo: a crise da vivenda. Un problema que non é conxuntural, senón estrutural e político. A vivenda tense convertido no principal activo financeiro do capitalismo contemporáneo e na base dun sistema rentista que obtén os seus beneficios non de producir, senón de posuír. Neste modelo, a especulación convértese no motor que sostén a economía. Os altos prezos da vivenda fan que a maioría da poboación xa non poida acceder a unha casa en propiedade. Así xorde unha nova xeración: a xeración inquilina. Unha xeración que vive de aluguer non por elección, senón por exclusión. Da igual canto estude, canto traballe ou canto se esforce: o seu benestar non depende do mérito nin do salario, senón da capacidade de herdar unha vivenda. Este cambio marca o fin do soño das clases medias e abre un novo escenario social, onde a vivenda en propiedade determina a posición na xerarquía económica. Gil amosa como esta transformación está fracturando os cimentos do benestar e acelerando a desigualdade. O mercado do aluguer estase convertendo nunha fonte principal de empobrecemento, e o acceso á vivenda no factor que define quen pode vivir con seguridade e quen queda condenado á precariedade. Generación inquilina propón un horizonte de cambio e un novo paradigma de vivenda baseado no dereito a habitar, a xustiza social e a democratización do territorio. Esta xeración, ao vivir no corazón das contradicións do sistema, é tamén a que pode transformalo».
Currículo
Javier Gil, Madrid (España), 1985, é un dos grandes expertos de España no estudo da problemática da vivenda e unha das figuras máis prometedoras a nivel europeo, tanto pola súa capacidade de analizar de forma crítica a realidade desta problemática, como pola súa capacidade de propor solucións, de construír esperanza e de desmontar mitos.
«Investigador do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e doutor en Socioloxía pola UNED, Gil ten sido investigador posdoutoral no Institute for Housing and Urban Research da Universidade de Uppsala (Suecia) e no Departamento de Socioloxía II da UNED. O seu traballo céntrase no estudio da financierización da vivenda, a socioloxía urbana, as políticas de vivenda, as plataformas dixitais e os movementos sociais en torno ao dereito á vivenda. Ten participado en proxectos de investigación nacionais e internacionais sobre esta cuestión e actualmente dirixe no CSIC o proxecto «La nueva economía política de la vivienda: megacaseros globales, generación inquilina y política de vivienda». As súas investigacións foron publicadas en revistas como Housing Studies, Urban Studies ou International Journal of Housing Policy. Ademais do seu labor académico, ten realizado unha intensa actividade divulgativa. Colabora a miudo con medios como El País, elDiario.es, Público, El Salto ou RTVE. Ten asesorado a Administracións públicas nacionais e internacionais en materia de vivenda e ten formado parte do Consejo Asesor Global para las Directrices de Derechos Humanos sobre la Financiarización de la Vivienda impulsadas por Leilani Farha, ex Relatora Especial das Naciones Unidas sobre Vivienda Adecuada».
Sobre o seu traballo pode atoparse máis información en: <https://cchs.csic.es/es/personal/javier-gil-garcia>
<https://estudioscriticosurbanos.com/portfolio/javier-gil-garcia/>
DATA
Mércores 17 de xuño de 2026– 19:00 horas
LUGAR
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
ORGANIZA
Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
COLABORAN
Editorial Capitán Swing
Asociación cultural Flor de Santiago
