O mércores 30 de abril, ás 19:00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a presentación do libro «Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das Fragas do Eume» editado pola Deputación da Coruña, na que participarán os autores desta banda deseñada xunto cos arquitectos/as responsables da rehabilitación do monumento.
Síntese
É extensa a listaxe de historiadores, pintores, escritores, fotógrafos e viaxeiros en xeral que visitaron Caaveiro desde a súa fundación como mosteiro. Cada un deses ilustres viaxeiros deixounos a súa ollada do monumento e a paisaxe da natureza que o rodea, o seu claustro natural, pero non se coñecían os valores que o mosteiro encerra vistos desde a banda deseñada como linguaxe universal para a poboación infantil e adulta. A obra que imos presentar «Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das Fragas do Eume» é algo máis que un cómic clásico, contén unha lección de historia, arquitectura, arte, natureza e paisaxe. O libro iníciase e finaliza cun festexo centenario de gran tradición en Galicia, como é a romaría de San Xoán Bautista, que dá nome ao mosteiro medieval e, partindo da creación do mundo, penétranos na paisaxe da fraga galega para despois mergullarnos na historia do monumento.
Caaveiro non pertence só a unha época. Conservando partes da igrexa románica e a torre barroca, é un monumento intemporal con pegadas de distintas épocas da historia da arquitectura. Para sintetizar a evolución do monumento, os autores desta banda deseñada ofrécennos unha metáfora: cada época é unha distinta estación do ano. Así se suceden primavera, verán, outono e inverno. Do mesmo xeito que Vivaldi compuxo en pentagramas a súa descrición da natureza, nas viñetas recoñécense as catro estacións dentro da frondosidade dun dos bosques atlánticos europeos de maior beleza: As Fragas do Eume.
O libro que imos presentar e do que se obsequiará cun exemplar ás persoas asistentes, non sería posible sen a iniciativa constante da Deputación da Coruña, que se fixo coa propiedade das terras e do mosteiro, para evitar a súa desaparición. A recuperación do monumento culmina agora coa musealización integrando a idea do mosteiro como lugar na natureza e como institución socioeconómica dentro do Antigo Reino de Galicia.
Por iso dentro deste acto de presentación do libro contaremos tamén co equipo de arquitectos/as responsables da rehabilitación do monumento de da súa nova musealización.
Información dos participantes
Delio Rodríguez Ces | Ismael Blanco Bouza | Lois Gómez Souto
Esta banda deseñada foi elaborada polo equipo formado por: Delio Rodríguez Ces (ilustrador), Ismael Blanco Bouza (coordinador), Lois Gómez Souto (historiador) sendo os tres coautores do guión do libro. Un equipo con experiencia nos cómics de divulgación histórica coa autoría do libro «Venturas e desventuras do cabaleiro García Rodríguez, o das Pontes».
Xosé Luís Penas Corral
Xosé Luís Penas Corral é deputado provincial responsable da área de patrimonio e equipamentos incluíndo a tutela dos monumentos provinciais como son os dolmens de Axeitos (Ribeira), Cabaleiros (Tordoia) e Dombate (Cabana), as torres do Allo (Zas) de Altamira (Brión) ou o castelo de Vimianzo, o forno novo de Buño (Malpica) ou o propio mosteiro de Caaveiro.
Daniel Beiras García-Sabell
Daniel Beiras García-Sabell é arquitecto especialista en urbanismo (ETSAC 1996), renovación urbana (CSTU 2018) e rehabilitación arquitectónica (Aula de Rehabilitación 1997), xefe do Servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación da Coruña e como tal responsable das actuacións no mosteiro de Caaveiro.
Celestino García Braña | Isabel Aguirre Urcola | Ángel L. Alonso Méndez
O equipo formado por Celestino García Braña (arquitecto director), Isabel Aguirre Urcola (arquitecta) e Ángel L. Alonso Méndez (arquitecto colaborador) redactou no ano 2002 o proxecto de rehabilitación do conxunto monumental do mosteiro de Caaveiro que lle outorgou a imaxe que hoxe coñecemos.
Alfredo González Prieto
Alfredo González Prieto (estudio Sellier) é arquitecto especializado en montaxes expositivas e comisario entre outras da recente mostra “Arquitecturas que falan do seu tempo” redactou no ano 2024 o proxecto de obras e intervencións museográficas no mosteiro de Caaveiro que define uns novos contidos para este espazo expositivo.
DATA:
Mércores 30 de abril
LUGAR:
COAG A Coruña
Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña
COORGANIZA:
Deputación da Coruña
Delegación da Coruña do COAG
COLABORA:
Asociación cultural Flor de Santiago