No marco da colaboración de Paudepedra como entidade patrocinadora dos Premios PRÓXIMOS e do ciclo homónimo de conferencias, a Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) organiza unha visita ás instalacións da empresa, que terá lugar o vindeiro 30 de setembro, no Polígono Industrial do Ceao, en Lugo.
A xornada desenvolverase nun horario estimado de 17:00 a 19:00 horas e permitirá coñecer de primeira man as instalacións de Paudepedra, a súa actividade e os procesos de traballo que desenvolve, así como compartir un espazo de encontro cos representantes da empresa.
A visita constitúe tamén unha oportunidade para afondar na relación entre Paudepedra e a arquitectura, coñecer máis de preto a realidade e as capacidades da empresa e favorecer o intercambio de coñecemento e experiencias entre os profesionais participantes.
Esta actividade enmárcase na colaboración de Paudepedra co COAG e no seu apoio aos Premios PRÓXIMOS e ao Ciclo de Conferencias, iniciativas orientadas á divulgación, ao coñecemento e ao recoñecemento da actividade profesional e arquitectónica.
Datos da visita
Data: 30 de setembro
Horario: de 17:00 a 19:00 h, aproximadamente
Lugar: Instalacións de Paudepedra
Enderezo: Rúa da Industria, 91 – Polígono Industrial O Ceao, Lugo
A actividade está aberta á participación dos colexiados e colexiadas do COAG, previa inscrición a través do formulario habilitado para o efecto.
No caso de acadarse o número máximo de asistentes permitido, terán preferencia as persoas participantes no grupo de mentoring. As prazas asignaranse atendendo a este criterio e á orde de inscrición, ata completar o aforo dispoñible.
Desde o COAG agradecemos a disposición de Paudepedra para acoller esta visita e compartir co colectivo profesional as súas instalacións e experiencia, contribuíndo así a xerar novos espazos de coñecemento, diálogo e colaboración entre a arquitectura e o sector empresarial.
