O vindeiro 14 de xuño de 2026, a Aula Arqueolóxica Antonio Rodríguez Colmenero de Cualedro acollerá “O Ciclo do Lume”, unha iniciativa promovida polo Colectivo Costa Oeste que propón unha reflexión ampla arredor dos incendios forestais, a ecoloxía do lume e a relación entre territorio, comunidade e paisaxe.
O proxecto conta co financiamento da área de Cultura do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e desenvólvese en colaboración co Concello de Cualedro, a Comunidade de Montes de Cualedro e a Asociación de Veciños de Lucenza.
“O Ciclo do Lume” nace coa vontade de abrir un espazo de aprendizaxe, debate e acción arredor dos conflitos ambientais e sociais xerados polos incendios forestais. Ao longo da xornada abordarase a problemática dos incendios forestais desde diferentes disciplinas como a ecoloxía do lume, o desenvolvemento territorial, a fotografía, a veracidade científica, a ciencia cidadá e a educación ambiental, combinando coñecemento científico, experiencias de participación comunitaria e ferramentas de reflexión sobre o territorio.
A iniciativa busca analizar as causas estruturais dos megaincendios, dar visibilidade a modelos de restauración ecolóxica e xestión comunitaria do monte e fomentar unha mirada crítica sobre os desafíos ambientais que afectan ás paisaxes rurais galegas. Ao mesmo tempo, reivindica o papel da arquitectura e da planificación territorial fronte aos efectos do cambio climático.
Entre as persoas relatoras participantes atópanse Fran García, de Territorio Raso, quen abordará a paisaxe galega en mosaico; Iván Pérez, de SaviaNova, cun relatorio centrado na ecoloxía do lume; o fotógrafo Brais Lorenzo, que presentará o proxecto “Terra Queimada”; e Ramsés Pérez, de ADEGA, quen falará sobre voluntariado e accións para a recuperación ambiental.
A programación completarase con dúas visitas de campo dedicadas ás boas prácticas na custodia do territorio, coa participación da Comunidade de Montes de Cualedro e da Asociación de Veciños de Lucenza, que compartirán experiencias locais de prevención e xestión sostible do monte.
As actividades están dirixidas tanto á poboación local como a persoas interesadas na ecoloxía, a arquitectura, a paisaxe e a xestión territorial. A organización aposta ademais por un formato próximo e participativo, cun grupo reducido de asistentes para favorecer o intercambio de experiencias e o diálogo entre participantes, polo que as prazas serán limitadas.
O prazo de inscrición xa está aberto e será imprescindible realizar inscrición previa mediante mensaxe directa ou a través do correo electrónico
informacion.costaoeste@gmail.com.
Programa
Domingo 14 de xuño
Relatorios
- 11:00 h | A paisaxe galega en mosaico — Fran García (Territorio Raso) • 11:30 h | A ecoloxía do lume — Iván Pérez (SaviaNova)
- 12:00 h | Pausa café
- 12:30 h | Terra Queimada — Brais Lorenzo
- 13:00 h | Voluntariado e accións para a recuperación — Ramsés Pérez (ADEGA)
14:00 h | Xantar
Boas prácticas na custodia do territorio (visita de campo)
- 16:00 h | Bosque Celta. Plan estratéxico do monte comunal — Comunidade de Montes de Cualedro
- 17:30 h | Chairas e A Veiga: estratexias de prevención — Asociación de Veciños de Lucenza
