O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia segue a desenvolver diferentes liñas de traballo para axilizar a xestión das licenzas. Por unha banda púxose en marcha hai meses unha mesa de traballo entre a Xunta, a FEGAMP e o propio COAG para definir de xeito claro qué cuestións deben ser obxecto de revisión por parte dos técnicos municipais e cales son responsabilidade exclusiva dos proxectistas e polo tanto non requiren de control no proceso de outorgamento da licenza. Nesta mesa estase tamén a traballar para regular o contido do informe técnico municipal no proceso de outorgamento das licenzas de obra.
Por outra banda, o Colexio asistiu á xornada informativa sobre as ECCOM organizada por Ecutecnia, na que tamén estiveron presentes representantes do COSITAL, a ENAC, a FEGAMP e a Xunta de Galicia. Na súa intervención, o Decano do Coag anunciou que o Colexio vai reunir nos vindeiros meses toda a información necesaria sobre as Entidades de Certificación Municipal para valorar a posible creación dunha ECCOM no COAG ou a posibilidade de que o COAG se constitúa como ECCOM, como acontece noutros colexios profesionais.
