ir a portada premios


 

Co nome de Premios “Próximos” quérese facer referencia ao espírito do ciclo de conferencias que, ao longo dos últimos anos, ven organizando a Delegación de Santiago co obxectivo de dar a coñecer traballos arquitectónicos próximos a nosa delegación determinados polo emprazamento das obras.

Conforme á convocatoria realizada a finais do mes de febreiro, un total de 40 propostas foron presentadas á edición do ano 2026 dos Premios PRÓXIMOS. O xurado da presente edición emitiu o seu fallo polo cal destaca 11 das candidaturas presentadas.

MEMBROS DO XURADO:
Sergio Sebastián Franco é doutor arquitecto pola ETSAM e profesor de Proxectos Arquitectónicos na Universidade de Zaragoza. Compaxina a docencia coa actividade profesional no estudo Sebastián Arquitectos. A súa obra foi amplamente recoñecida con numerosos premios, entre eles o Premio FAD de intervención no patrimonio, o premio da UIA, da XVI Bienal Española de Arquitectura y Urbanismo, e a Medalla de Ouro DOMUS Restauro e Conservazione.

Cristina García Fontán é doutora arquitecta e Máster en Advanced Architecture polo Berlage Institute de Rotterdam. É Profesora Contratada Doutora na Universidade da Coruña, onde imparte docencia en Arquitectura e Paisaxe. Exerce tamén a profesión desde 2002 con proxectos de paisaxe, rehabilitación e edificación.

Ricardo Sánchez Lampreave é doutor arquitecto pola ETSAM e profesor titular na Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, onde tamén é subdirector de Cultura. É autor do libro Oíza, ingenio de diferencias e de numerosos artigos en medios especializados. Foi pensionado na Academia Española de Roma e director da Fundación Miguel Fisac.

Secretario:
Diego Cisterna Arias, Secretario da Delegación de Santiago de Compostela do COAG.

ACTA DO XURADO:

Sendo as 15.30 horas do día 04 de maio do 2026, reúnese o Xurado dos Premios “PRÓXIMOS 2026”. Previamente á reunión, facilitóuselle aos membros do Xurado a documentación necesaria para a consulta das distitnas candidaturas presentadas.

Lémbrase o proceso previo de selección con 40 propostas presentadas, e procédese a analizar a escolla incial por parte dos membros do xurado.

Finalmente o Xurado decidiu conceder os premios aos seguintes traballos:

Nesta obra destaca a sensibilidade coa que a intervención adapta un inmoble histórico a un novo uso hoteleiro, integrando as novas necesidades funcionais dende unha arquitectura serena e precisa. A actuación constrúe unha atmosfera cálida onde o contemporáneo convive con naturalidade coas preexistencias, recuperando ademais a relación cos espazos axardinados do bordo da Alameda como lugares de estancia e contemplación da paisaxe urbana.

  • Casa 2M e Medio
    Rúa Algalia de Arriba nº 32, 15704, Santiago de Compostela, A Coruña
    Álvaro Marín Durán | Alfonso Castro Lorenzo | Dosesmas Arquitectos, S.C.P.

O xurado valora a intelixencia coa que o proxecto resolve un espazo de dimensións extremadamente reducidas, construíndo unha vivenda flexible, aberta e chea de continuidade espacial. A intervención demostra ademais unha notable vixencia, tanto pola claridade das súas decisións arquitectónicas como polo seu xeito de reinterpretar o patrimonio doméstico do centro histórico dende unha mirada contemporánea, precisa e contida.

A obra aborda a mestría da restauración arquitectónica en toda a súa amplitude: un minucioso estudo e análise previa, a precisión das solucións técnicas requiridas nos labores conservativos do ben, e finalmente a consideración natural do carácter monumental da actuación, que devén na transformación dunha digna cobertura nun novo espazo para a cidade de Santiago.

O xurado valora a capacidade de recuperar e manter o espírito e os valores construtivos e espaciais orixinais desde o proxecto de restauración, dando continuidade ao uso orixinal do espazo coa incorporación dunha contemporaneidade discreta e atenta a este singular pavillón expositivo do século XIX.

  • Centro de hidroterapia
    Lugar Albeida 15063A0-9900082, 15287, Outes, A Coruña
    Alfonso Salgado Suárez | Francisco Xabier Liñares Túñez | Salgado e Liñares, S.L.P.

A obra situada nun conxunto preexistente, completa o complexo dende unha intervención precisa e integrada. Destaca a delicadeza no uso da madeira e a pedra, así como a recuperación da relación coa auga e a paisaxe a través dunha atmosfera serena e profundamente vencellada ao lugar.

A vivenda colectiva ha ser un dos grandes e permanentes retos da arquitectura. O proxecto reúne unha interesante secuencia tipolóxica exposta como límite e bordo dunha complexa contorna física, logrando a aparente sinxeleza dunha coherencia visual unitaria.

  • Apeadeiro de Ribeira
    Avenida do Malecón, Ribeira, A Coruña
    Santiago Rey Conde | Ismael Ameneiros Rodríguez

O xurado valora a competencia da arquitectura para enfrontarse a un programa sinxelo coa ambición de que a súa singular poética mellore tamén a contorna inmediata. Merecen ser destacados o interese por atenuar a ruidosa paisaxe industrial posterior e a elección do formigón armado para asegurar a durabilidade.

  • Oficinas dos Servizos Centrais Finsa
    Estrada N-550 km 57, Formaris s/n, 15890, Santiago de Compostela, A Coruña
    Juan Antonio Varela García | María del Carmen Escorihuela Vitales | Miguel Alonso Flamarique | Roberto Erviti Machín | MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, S.L.P.

A obra materializa a posibilidade de recuperar e transformar un complexo industrial desde o ámbito disciplinar da arquitectura, recorrendo á estrutura e á construción como claves formativas e determinantes do proxecto. O uso e a experimentación da madeira esténdese á creación dun ambiente espacial confortable e comprometido co medio e o usuario.

A intervención destaca pola complexidade técnica de reverter actuacións incompatibles realizadas sobre un inmoble BIC, recuperando a lóxica construtiva orixinal dende criterios de sustentabilidade e circularidade. Valórase especialmente a sobriedade material do proxecto e o protagonismo da madeira na construción dunha atmosfera interior cálida e contemporánea, resolvendo con sensibilidade a adaptación do pazo a un novo uso público e cultural.

Destaca na obra presentada a capacidade da arquitectura para responder con mesura e eficacia a un encargo discreto. Como “o pequeno é fermoso”, o xurado destaca a adaptación do edificio ás actuais esixencias medioambientais e a reordenación da contorna patrimonial favorecendo a súa peonalización.

  • Polo Gaiás AMTEGA
    Cidade da Cultura, Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela, A Coruña
    Alberte Pérez Rodríguez | Enrique Iglesias Lima | Carlos Mosquera del Palacio | Tres Pensando, Escoitando e Solucionando, S.L.P.

Proxectar na Cidade da Cultura esixe medir a distancia a interpoñer entre os edificios construídos e o proposto. O dinamismo requirido, propio destes centros que pretenden fomentar a actividade empresarial, está resolto con asépticos espazos que, sendo desmontables, permiten con facilidade acoutar o traballo para compartir ou reservar.

O xurado dos Premios PRÓXIMOS 2026 quere destacar o alto nivel das propostas presentadas, pois atesouran en grandes doses canto cabe esixir á arquitectura de calidade. A variedade dos programas presentados, dos tipos de intervención requiridos e das localizacións e os seus contextos, máis aló de dificultar a elección, volveron a demostrar a solvencia e a versatilidade da arquitectura para satisfacer as puxantes necesidades dunha sociedade enfrontada ao futuro dende a súa historia e a súa tradición.

Remata a sesión ás 17:30 h., o cal certifico.
Asdo: Diego Cisterna Arias
En calidade de Secretario do Xurado dos Premios PRÓXIMOS 2026

Delegación de Santiago de Compostela
Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

PODE ACCEDERSE ÁS OBRAS PREMIADAS E PRESENTADAS A TRAVÉS DO SEGUINTE ENLACE: https://www.coag.es/premios/obras/proximos2026