Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2018

13 Abr 2018

No DOG de 13 de abril, publícase a Orde do 3 de abril de 2018, pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2018.

Modalidades de premios

Establécense as seguintes modalidades de premios:

1. Premio galego de arquitectura 2018. O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura 2018 entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou unha ampliación dunha xa existente, sempre que teña suficiente entidade como para poder ser valorada de forma independente da construción orixinal.

Dotación económica: 6.000 €.

2. Premio galego de rehabilitación 2018. O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación 2018 entre os proxectos de rehabilitacións relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.

Dotación económica: 6.000 €.

3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio, poderán ser obxecto de mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

4. Premios especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a seguir:

a) Á sustentabilidade 2018, destinado a destacar aquela actuación que supoña a implantación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras.

Dotación económica: 6.000 €.

b) Á traxectoria profesional 2018, destinada a recoñecer a meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura no territorio galego.

Dotación económica: 6.000 €.

Máis información no seguinte ENLACE.

Compartir