Resultado da XX edición dos Premios COAG de Arquitectura, que recoñecen as mellores obras da arquitectura galega, visadas e executadas no ámbito territorial do Colexio de Arquitectos no último bienio, período correspondente a obras acabadas entre o 1 de outubro do 2020 e o 30 de setembro do 2022. Nesta vixésima edición presentáronse ao certame 224 obras. O xurado valorou a calidade das propostas, o enorme esforzo e o nivel de reflexión sobre a vivenda e a cidade dos arquitectos de Galicia, así como a ampla participación de colexiados mozos e o gran número de mulleres en solitario que presentaron candidaturas na presente convocatoria.
O xurado seleccionou 6 obras na categoría de Residencial de Nova Planta. Vivenda Unifamiliar, 2 obras en Residencial de Nova Planta. Vivenda Colectiva, 5 en Outros Edificios de Nova Planta, 6 en Obras de Restauración e Rehabilitación, 4 en Obras de Interiorismo, 3 en Arquitecturas Efémeras e Deseño, 3 en Deseño de Espazos Urbanos, Xardinería e Paisaxismo, 4 en Divulgación e Investigación, e 5 en Proxecto Fin de Carreira. O Premio á Traxectoria Profesional recaeu na arquitecta Dona Pascuala Campos de Michelena.
PREMIADOS DA XX EDICIÓN DOS PREMIOS COAG
RESIDENCIAL DE NOVA PLANTA. VIVENDA UNIFAMILIAR
Casa Tomada
Rúa Tomada-Navia. Parcela 10. Vigo
María Pilar González Ferro e Jordi Castro Andrade
O xurado destaca a solución proposta nesta vivenda, cunha parcela de tamaño moi reducido e de forte pendente, situada nun entorno pouco amable, que con poucos elementos consegue un proxecto integrado na contorna e ao tempo protexida desta.
Intégrase, protexendo a intimidade ao repregarse cara ao interior en torno ao pequeno patio de entrada. Isto contrasta con algúns grandes ocos, que serven a zonas de día nas fachadas leste e oeste.
RESIDENCIAL DE NOVA PLANTA. VIVENDA COLECTIVA
Tres edificios para 125 vivendas, prazas de garaxe e rocho
Rúa Manuel Beiras 5. Santiago de Compostela
Manuel Carbajo Capeáns e Celso Barrios Ceide
O xurado valora a proposta que mellor resolve a tipoloxía residencial colectiva, aportando ademais un espazo público de calidade para as vivendas e para o resto da cidade.
OUTROS EDIFICIOS DE NOVA PLANTA
Biblioteca Municipal de Nigrán
Estrada pola Vía, nº 120, Vilameán. Nigrán
Lucas Gándara Álvarez e Juan Pons Herrera
Pola resolución dun complicado cruce da cidade, cunha articulación urbana perfectamente conseguida.
OBRAS DE RESTAURACIÓN E REHABILITACIÓN
Rehabilitación de edificio para o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional
Rúa Ramón Abellas, 4. Ourense
Alexandra Estefanía Vázquez Müller, Roi Feijoo Rey e Santiago García Camacho
Baixo criterios de sustentabilidade, o proxecto da resposta á necesaria revitalización e reciclaxe dun edificio obsoleto e en desuso. Transformar sen necesidade de demoler. Rehabilitar sen necesidade de construír de novo borrando por completo o pasado.
OBRAS DE INTERIORISMO
Ferraxería
Rúa Costanilla Tapia, 42. Cambre
Ignacio Vicente Reigada Cordido e Susana Vázquez Pérez
O xurado valora esta proposta que consegue realzar o espazo da ferraxería, preconcibido como un espazo caótico e desordenado, aparece como ordenado e atractivo. Esta identidade transmítese cara o exterior, mellorando o espazo urbano do que forma parte.
ARQUITECTURAS EFÉMERAS E DESEÑO
Exposición «Paisaxes incultas. A metamorfose do monte galego”
Torres Hejduk, Cidade da Cultura. Santiago de Compostela
Cristina García Fontán
Pola súa reflexión sobre a transformación do monte galego, invita a entrar e desde alí a reflexionar sobre a desaparición do autóctono, metamorfoseado polas especies novas que invaden, modifican e ocultan o territorio.
PLANEAMENTO URBANÍSTICO
Proxecto piloto de «Rúa Azul»: Rúa peonil e ciclable de conexión interurbana
Concellos de Moaña e Cangas (intervención supramunicipal)
Diego Germade Castelo e Martín Barreiro Cruz
O xurado destaca o deseño dunha estratexia a escala territorial, que se materializa nun programa e nun proxecto piloto, que finalmente se constrúe como prototipo. Unha estratexia urbanística na que o arquitecto recupera o seu papel en todas as fases do proceso. Coida o preexistente, aceptando a paisaxe. É unha invitación a mellorar os espazos vertebrándoos.
DESEÑO DE ESPAZOS URBANOS, XARDINERÍA E PAISAXISMO
Ex aequo:
Rampa – chegada do Camiño Francés a Santiago
Rúa do Gozo. Santiago de Compostela
Juan José Creus Andrade e Covadonga Carrasco López
Unha escultura, un xesto poético que acompaña ao peregrino que entra en Santiago e pasa, sen darse conta, dun camiño rural a un tramo moito más urbano, antesala do obxectivo final, a catedral.
Acondicionamento dos espazos públicos da Explanada do Horizonte
Portecelo. O Rosal
María Fandiño Iglesias
O xurado valora o proxecto dun parque que recupera a sección da costa, e a redebuxa desde a propia linguaxe do lugar.
DIVULGACIÓN E INVESTIGACIÓN
Ex aequo:
Manual de construción para miniarquitectos
Nuria Prieto González
O xurado valora como se achegan aos máis pequenos experiencias coas que van a explorar a arquitectura e os seus conceptos básicos. Explorando van apreciar a arquitectura, a entender como funciona, ou os porqués dalgúns deseños, ou como pensan as arquitectas e arquitectos cando deseñan.
VAD06, Veredes, arquitectura e divulgación As Precursoras
Silvia Blanco Agüeira
O xurado destaca o importante traballo de investigación e divulgación realizado en todos os números, que remata polo de agora neste novo número de investigación sobre arquitectura e xénero. O labor didáctico, editorial e innovador da propia revista tivo reflexo neste número tan especial. Destacando a proxección da revista realizada desde Lugo.
PROXECTO FIN DE CARREIRA
Faber | ludens. Vector lúdico-loxístico no borde litoral
Alejandro Vázquez Correa
O xurado valorou das tres propostas finalistas o esforzo por responder a programas complexos de maneira reflexiva, comprometida coa busca de solucións novidosas a asuntos profesionais de máxima actualidade e gran repercusión social. O ganador respondeu de modo máis preciso e aproximado á realidade da profesión.