Conferencia de Betsaida Curto Reyes

13 Mar 2024

O mércores 20 de marzo, ás 19:00 horas, na Delegación de A Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar a conferencia O máximo co mínimo, dignidade arquitectónica no Deserto Peruano, impartida pola nosa compañeira arquitecta Betsaida Curto Reyes, recentemente galardoada, xunto co Arquitecto Ander Bados, co Premio Profesión, nos premios de Arquitectura 2023 do CSCAE, pola súa Escola Inicial 140 na Comunidade de Santa Cruz de Villacurí “Barrio Chino”, no deserto Peruano de Ica.

Os Premios de Arquitectura do CSCAE teñen o obxectivo de difundir os valores sociais e culturais da Arquitectura e o Urbanismo, reivindicando a súa importancia na saúde, o benestar e a seguridade das persoas e na sostibilidade do planeta, e recoñecer, ao mesmo tempo, traxectorias profesionais excelentes nas diferentes maneiras nas que se exerce na profesión.

Estes premios establecen nove distincións, entre as que se atopa o Premio Profesión, que recoñece prácticas profesionais que impliquen responsabilidade, respecto, dilixencia e honestidade encamiñadas a traballar polo ben común, o equilibrio e o benestar social de acordo cun conxunto de valores relacionados co respecto, a xustiza e a equidade.

Esta conferencia permitiranos celebrar a concesión deste galardón a unha arquitecta formada e afincada en Galicia e coñecer as claves esencias das obras que ten realizado nos últimos anos no deserto peruano.

©Eleazar Cuadros.

 

Síntese

En zonas de baixos recursos, a miúdo esquecidas polos gobernos correspondentes, os edificios públicos como son as escolas, adoitan carecer de dignidade arquitectónica.

En Perú, despois de desastres naturais, este tipo de instalacións educativas acaban reubicadas de forma habitual en edificios prefabricados, onde a escasa ventilación e a calor extrema dificultan en extremo a aprendizaxe. A pesar destas duras circunstancias, as institucións educativas poden sufrir estas condicións incluso varios decenios.

Nesta conferencia trataranse de explicar as estratexias empregadas na Escola Inicial en Cerro Colorado, Arequipa e na Escola Inicial 140 en Santa Cruz de Villacurí, Ica, para intentar lograr a máxima dignidade arquitectónica cos mínimos recursos, sen descoidar a identidade complexa das comunidades nas que se atopan estas escolas, así como tamén a influencia do territorio nas decisións proxectuais adoptadas.

E, a través destes dous exemplos, esta charla intentará demostrar que unha escola pode ser un lugar seguro, ademais dun fito que ensine a unha comunidade que as súas propias materias primas son excelentes.

En resumo, que unha escola é máis que un simple edificio e que ten o potencial de cambiar a vida dunha xeración.

©Eleazar Cuadros

Betsaida Curto Reyes

Despois de finalizar os seus estudos de Arquitectura na Universidade da Coruña, e de traballar en diferentes estudios, Betsaida decidiu continuar o seu camiño en América, primeiro como voluntaria e logo como contratada, formando equipo con Ander Bados Sesma, para deseñar dúas escolas na ONG All Hands and Hearts en Perú.

A Escola Inicial na comunidade de Cerro Colorado en Arequipa ten sido Finalista nos premios FAD 2022, Finalista na Bienal Iberoamericana de Arquitectura e urbanismo e recentemente nominada ao Mies Crown Hall for the Americas Prize Cycle 5.

A Escola Inicial 140 na comunidade de Santa cruz de Villacurí en Ica ten sido recoñecida cos Premios profesión nos Premios de Arquitectura do CSCAE 2023, Finalista nos premios FAD 2023, Finalista da XVI Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) e recentemente nominada ao Mies Crown Hall for the Americas Prize Cycle 5.

Na actualidade, Betsaida está afincada en Galicia, onde fundou Estudio Copla e onde desenvolve tanto traballos de cooperación como encargos públicos e privados. Betsaida tamén colabora con outros estudios de arquitectura establecidos en Galicia.

DATA:

Mércores 20 de marzo de 2024 – 19:00 horas

LUGAR:

COAG A Coruña

Rúa Federico Tapia, 64, 15005 A Coruña

COLABORA:

Asociación cultural Flor de Santiago

Compartir