O COAG presentou un escrito de alegacións no concello de Bóveda solicitando a desestimación do recurso interposto polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños Canais e Portos en impugnación da licitación do contrato de servizos de consultoría urbanística, redacción de proxectos técnicos e dirección de obras

13 Jun 2017

O concello de Bóveda está a licitar o contrato de servizos de consultoría urbanística, redacción de proxectos técnicos e dirección de obras. O Colexio Oficial de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia ten presentado un recurso de reposición impugnando os pregos de cláusulas administrativas e técnicas que rexen a licitación motivado pola esixencia dentro dos requisitos de solvencia técnica de contar coa titulación de Arquitecto e que “la exclusión de la titulación de Ingeniero de Caminos, Canales y Puertos, para poder concurrir a la licitación vulnera la legalidad”.

O concello de Bóveda considerando a este Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia como interesado, dános traslado do devandito recurso, conferindo prazo ao efecto de presentar alegacións.

É por iso que o COAG (como xa fixo na licitación dun contrato de características similares realizada polo concello de A Guarda) en defensa dos intereses e das lexítimas competencias da profesión de Arquitecto, presentou un escrito de alegacións solicitando a desestimación do recurso do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Porto. O COAG considera que nesta licitación, á vista das concretas funcións a desenvolver en execución do contrato, quen reúne a plenitude de competencias e a idoneidade formativa, polos seus coñecementos e especialidade, son, sen dúbida os Arquitectos. En opinión do COAG non pode esquecerse que, aínda que os Enxeñeiros de Camiños teñan recoñecidas competencias en materia de urbanismo, a súa especialidade está relacionada coas infraestruturas e non coa edificación. Á vista do obxecto do contrato e as prestacións e funcións que inclúe, e sobre a base do principio xurisprudencial do Tribunal Supremo do “técnico competente” e de “liberdade con idoneidade” o COAG entende que podemos afirmar que os Arquitectos, polos seus coñecementos e especialidade, son os profesionais que necesariamente han de intervir en algunhas importantes funcións incluídas no obxecto do contrato e polo tanto os únicos técnicos competentes para a execución da totalidade das funcións sen limitación, polo que á solvencia técnica requirida é conforme á legalidade, proporcionada e vinculada ao obxecto do contrato.

 Arquivos:

Compartir